Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vimianzo estrea o plan de Igualdade habilitando unha caseta informativa

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, María José Pose, presentaron o IV Plan de Igualdade do Concello de Vimianzo, que levarán as rúas da capital local coincidindo cos festexos do Asalto ao Castelo. María José Pose destacou o compromiso do goberno local de desenvolver as políticas reais de igualdade a través deste instrumento, que permitirá, dixo, concienciar ás persoas e sensibilizalas. “Temos que ter unha ferramenta útil de traballo para lograr este obxectivo e este plan determinará esas directrices para acadar unha igualdade real no noso concello”, apuntou.

Trátase dun plan aberto, flexible e dinámico, que se adapta a realidade e a todos os cambios que se viñan producindo. De feito, sinalou que un dos principios é a participación, e proba disto é que para a súa elaboración contouse con asociacións, entidades, corpos de seguridade, centros educativos, veciños e persoal do concello.

Este luns 27 de xuño (20.30 horas) presentarase oficialmente á veciñanza abrindo a Caseta da Igualdade, como punto de información e de asesoramento en temas de igualdade. E coincidindo co Día Internacional dos Dereitos pola Diversidade LGTBI a caseta permanecerá aberta durante toda a semana do Asalto ao Castelo. Os veciños poderán participar nos diferentes obradoiros de deseño e estampado de camisetas, gorras ou chapas coa temática da igualdade, presenciar o contacontos Planeta LGTBI, ou utilizar o merchandising elaborado para a ocasión. O obxectivo é concienciar a toda a veciñanza da importancia de acadar unha sociedade igualitaria e dar a coñecer o plan.

A alcaldesa gabou o traballo levado a cabo pola concellería. “É un traballo magnífico que agora temos que poñer en marcha para levar esa concienciación a toda a sociedade, e cambiar moitas cousas, isto é unha guía que levaremos a cabo conxuntamente cos actores sociais do municipio”.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, felicitou ao Concello polo novo plan e destacou que “é un instrumento clave que deberían ter todos os concellos e alégrome de que fóra tan participado pola sociedade. Estes instrumentos axudan realmente a seguir avanzando na igualdade en todos os aspectos sociais, laborais, educativos, etc... Podedes contar con nós para levar a cabo estes proxectos nos que o Goberno do Estado está absolutamente centrado".

Tanto a alcaldesa como a subdelegada coincidiron en sinalar o importante que é o traballo que se fai desde a base cos mais pequenos, nos centros educativos.

27 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.