Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xogos para poñer en valor o rico patrimonio de Zas

Porán a proba os coñecementos da veciñanza a través das redes // Achegarán ós nenos á arquitectura, a historia e ás paisaxes

O vindeiro 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial e co gallo desta data o Concello de Zas vén de organizar un programa de actividades, baseadas en xogos e obradoiros, que se levarán a cabo todo o mes de novembro coa fin de divulgar e promocionar entre a veciñanza toda a riqueza patrimonial do municipio.

Dende o Concello queren poñer a proba aos veciños e veciñas para que demostren os seus coñecementos e, ao mesmo tempo, darlle valor ao patrimonio. As actividades comezan xa o luns, día 1 de novembro, cun xogo que se realizará a través das redes sociais do Concello de Zas.

Cada semana centraranse nun tipo de patrimonio: arquitectónico, natural, arqueolóxico e inmaterial, e a dinámica será sempre a mesma: polas mañáns publicarase o elemento ou elementos a resolver e a última hora do día a súa solución. Para iso empregarán diferentes tipos de xogos: imaxes encubertas, sopas de letras, relacionar lugares, cruzadas e frases para completar.

Por outra banda, xa están abertas tamén as inscricións para participar nos obradoiros infantís que se realizarán os sábados do mes de novembro de 16.00 a 18.00 horas. Baixo o lema Descubrindo o patrimonio de Zas os máis novos descubrirán unha boa parte do patrimonio do municipio dunha forma divertida e moi entretida. Primeiro realizarán un paseo polo lugar e a continuación participarán nun obradoiro manual sobre a temática que traballaron.

O primeiro taller terá por título Que fai un edificio coma ti, nun sitio coma este?. O punto de encontro será o Centro Sociocultural de Zas ás 16.00 horas, e dende alí comezarán un paseo pola capital municipal para coñecer a súa arquitectura máis destacada.

O 13 de novembro convidarán a descubrir o patrominio natural a través da xornada Quen vive nesta carballeira?. Para iso, os nenos e nenas participantes desprazaranse ata a área recreativa de Pedra Vixía, na Cacharoza, onde serán recibidos por membros da Asociación Ambiental Senda Nova, que lles explicarán os segredos que agocha o referido espazo natural.

O seguinte sábado, día 20, chega o obradoiro Ave Grandimiro! Os arqueólogos saúdanche, que se desenvolverá en Brandomil para coñecer os seus segredos arqueolóxicos e poñer en práctica o aprendido sobre os mesmos.

A programación rematará co obradoiro Recorda o que eu recordo, aberto a todos os públicos, que terá como escenario as Torres do Allo. A cita é o 27 de novembro a partir das 16.00 horas.

Para asistir a calquera destes obradoiros é necesario anotarse previamente nos centros socioculturais de Zas ou Baio, ou ben chamar por teléfono aos números 981 751 398 e 981 718 056.

31 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.