Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xosé Iglesias presentou en Fisterra o seu segundo libro: ‘Luces da Costa da Morte’

Mestura poesía visual e escrita e ten como protagonistas os faros e as baleas

O hotel Bela Fisterra acolleu este sábado a presentación do libro Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias, unha obra na que o mariñeiro, poeta, pintor e escultor ceense converte en protagonistas aos faros da Costa da Morte e ás baleas facendo unha “mestura de poesía visual e escrita”, afirma. Este é o seu segundo libro ilustrado, despois de Nación mar e, ao igual que o primeiro, foi publicado pola Editorial Bululú, representada no acto por Xosé Duncan e polos seus propietarios, Pablo e Luisa.

As baleas son as grandes protagonistas nas obras de Xosé Iglesias que, ademais de poesía e arte, teñen tamén un carácter reivindicativo. Así o confirmou o propio autor durante a presentación, sinalando que “trato de reivindicar que a antiga factoría baleeira de Caneliñas (Cee), actualmente en estado de abandono, se lle dé o uso que debería ter na actualidade, que non é outro que ser o gran museo a nivel europeo de interpretación dos cetáceos”. Asegura que lle da “moita pena" cando vai aos colexios a compartir unha xornada cos escolares da zona "e non teñen nin idea de que fomos un pobo baleeiro e que pola nosa ría entraban cada ano centos de baleas”.

A presentación do libro coincidiu ademais coa celebración do Días dos Homes e Mulleres do Mar, “e nada mellor para celebralo que compartir esta xornada cun home de mar que nos fai desfrutar a diario, que é un poeta que nos permite navegar con el, e que fai da súa profesión cultura para alimentar a nosa alma e o noso espírito”, afirmou Pepe Formoso, xerente do Bela Fisterra.

Xosé Iglesias demostrou o seu arte elaborando in situ unha magnífica pintura con acuarela que se sorteou entre os asistentes, resultando agraciado coa mesma Juan Carlos, que estaba acompañado da súa muller.

Sinalar ademais que o acto contou coa colaboración de bodegas Méndez Rojo.

25 jun 2022 / 20:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.