Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xosé María Lema e Evaristo Domínguez mantiveron un encontro con alumnos do IES Maximino Romero de Baio

Presentaron o libro ‘Zas polo miúdo’ // Recolle un exhaustivo estudo das dezaseis parroquias

A Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema, de Baio (Zas) inaugurou este xoves a terceira edición do Mes do Libro cun encontro cos escritores Evaristo Domínguez e Xosé María Lema, grandes coñecedores da comarca de Terra de Soneira. Presentaron aos estudantes o seu libro Zas polo miúdo, un exhaustivo estudo das dezaseis parroquias que constitúen o municipio zaense.

É un traballo pormenorizado de cada unha das parroquias partindo da súa xeoloxía e chegando ao seu patrimonio artístico, monumental, natural e paisaxístico, sen esquecer as festas ou as vivencias de persoeiros notables da zona, coma os irmáns Romero de Lema, Enrique Labarta Pose, Martínez Posse, ou a presenza da comarca na literatura, sobre todo en Eduardo Pondal. “Representa, polo tanto, unha marabillosa guía de viaxe no espazo permitíndonos descubrir recunchos abraiantes como as fervenzas de Rial de Abaixo e tamén no tempo, levándonos a coñecer os primeiros poboadores do concello”, afirman dende o instituto.

Grazas aos referidos autores o alumnado puido acceder a aspectos moitas veces ignorados ou esquecidos da historia e do patrimonio de Zas. “Coñecer as pegadas do pasado no presente é a mellor forma de implicarse na defensa, preservación e divulgación da memoria patrimonial e facer que se manteña viva”, conclúen os promotores da iniciativa.

15 abr 2021 / 20:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.