Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cambados saca “o cartón vermello” contra a violencia de xénero

O vídeo enmárcase na campaña “En Negro contra as Violencias” cuxas actividades este ano por mor da pandemia realizaranse maioritariamente a través das redes sociais

Ás portas do 25-N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, o Concello de Cambados publicou hoxe nas súas redes un vídeo formativo orientado cara á mocidade da vila co obxectivo de facilitarlle a identificación das diferentes formas nas que se presenta ante a sociedade a violencia de xénero. A peza audiovisual realizada pola Concellería de Igualdade da vila en colaboración coa Deputación de Pontevedra busca, da man da psicóloga Mónica Novas, que os máis cativos sexan quen de “detectar os abusos e sacar a tarxeta vermella contra a violencia de xénero”.

Adóitase a empregar a metáfora do iceberg para explicar a violencia contra a muller. O abuso físico é a parte que se eleva sobre o nivel do mar, a visible; non obstante, baixo a superficie aparecen un elevado número de formas de abuso que non son tan fácilmente identificables. Dende formas máis suaves como o control do teléfono móbil, suxerir que tipo de roupa debes ou non levar, con quen tes que falar... ata outras máis explícitas como o abuso psicolóxico que os máis cativos deben ser quen de identificar.

A acción enmárcase na campaña “En Negro contra as Violencias”, nacida en Santiago de Compostela, que se atopa no seu quinto ano de percorrido e que conta con preto de 500 entes públicos e privados que se organizan mediante unha plataforma para loitar contra as violencias machistas e na que se integra o concello cambadés, quen dende o seu inicio tratou de implicar ao conxunto da veciñanza para dar visibilidade á campaña. Así o fixeron a asociación de comerciantes Zona Centro principalmete no día do desfile anual, locais comerciais e hosteleriros, clubes deportivos cambadeses, a Escola Municipal de Música, o CIM da Mancomunidade do Salnés, asociacións culturais, centros de ensino e medios de comunicación así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento ás violencias de xénero e aos asasinatos machistas.

Ante a crise sanitaria actual e as restricións de mobilidade e distanciamento social, a acción envorcarase, sobre todo, nas redes sociais aínda así o Concello lembra que a partires do vindeiro luns todos aqueles que queiran colaborar coa iniciativa poden pasar pola conserxería do Concello a recoller a cartelería, e manter vivo tamén dende as rúas e os locais comerciais o rexeitamento do conxunto da sociedade contra a violencia de xénero.

“En Negro Contra As Violencias demostrou ser unha ferramenta moi útil para que voluntariamente os concellos constituísen unha única grande acción. Este ano, preténdese do mesmo xeito unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as redes sociais. Neste ano, no que a emerxencia sanitaria pola pandemia obrigou ao confinamento domiciliar, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres fíxose, se cabe, máis difícil”, destacan nunha nota de prensa dende o Concello.

19 nov 2020 / 16:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.