Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Medra a preocupación no Salnés polo avance da segunda vaga da covid

Mandatarios municipais como o do Grove, José Cacabelos, demandan o confinamento ante o enorme crecemento dos contaxios durante a pasada semana // A residencia DomusVi de Ribadumia conta xa con 59 contaxios entre usuarios e 19 entre o persoal

A situación epidemiolóxica da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés empeorou sensiblemente ao longo da pasada semana, e é que se a área que dirixe José Ramón Gómez contaba o pasado luns con 683 casos activos, unha semana despois esta cifra elévase ata os 1.049. Un significativo aumento dos contaxios producido na semana subseguinte a declaración do estado de alarma, que elevou notablemente a preocupación social e levou a algún alcalde da comarca a demandar elevar as restricións coa fin de frear o avance desta segunda vaga do coronavirus.

Neste momento, son cinco os concellos da comarca –Vilagarcía, Ribadumia, Cambados e O Grove– nos que a súa elevada incidencia epidemiolóxica os sitúa no nivel vermello do mapa “semáforo”.

A capital arousá, Vilagarcía de Arousa, é o concello da comarca que máis tempo leva neste listado, alí, os casos activos elévanse ata os 83, con doce contaxios máis entre os vilagarciáns con respecto ao venres.

Cambados, pola súa banda, conta con 45 casos activos tras detectaren doce novos contaxios dende o pasado venres, o que levou á corporación municipal a tomar medidas durante a fin de semana, suspendendo todas as actividades culturais tanto municipais como asociativas dende o día de hoxe e apostando por un reforzo da seguridade cidadá.

En Ribadumia, o que preocupa é a situación da súa residencia de maiores xestionada pola empresa DomusVi, onde a día de hoxe se contabilizan 59 casos activos –un máis que onte– entre os usuarios e 19 entre o persoal, tras detectárense onte 11 novos contaxios. Varios dos anciáns foron xa trasladados a centros hospitalarios por precaución, xa que polo momento a maioría atópase en situación asintomática.

O alcalde ribadumián, David Castro, ofreceu o pasado sábado unha rolda de prensa para “apelar á tranquilidade” de todos os seus cidadáns. En verbas do primeiro edil “o foco está localizado na residencia, que neste momento atópase intervida pola Xunta de Galicia que é quen ten competencias”, e é que segundo explicou Castro o pasado sábado só había en Ribadumia 7 casos activos alleos ao centro residencial, sendo este o último dato oficial.

Mais se nalgún concello o crecemento dos casos activos foi acusado este é O Grove, que pasou de ter 6 casos activos o pasado luns a contar hoxe con 35. Segundo o rexedor meco, José Cacabelos, “a situación é preocupante” xa que se produciron “moitos positivos para unha soa semana”, un crecemento que conlevou a inclusión da vila no nivel vermello durante o día de onte.

Á vista da existencia de varios positivos nas aulas dos colexios e institutos do Grove, onde unha aula de infantil do CEIP Rosalía de Castro permanece confinada seguindo os protocolos da Consellería de Sanidade, Cacabelos demandou “tranquilidade aos pais e nais”, así como o rigoroso cumplimento das requeridas corentenas tanto entre positivos como contactos estreitos. Para os alumnos que continúan acudindo ás aulas, o primeiro edil explicou que cada noite os equipos do Servizo de Emerxencias municipal desinfecta con perióxido as aulas, “como se dun quirófano se tratase”.

O rexedor quixo explicitar que a pesares de situarse no nivel vermello do mapa “semáforo”, O Grove non está aínda no nivel 3 que marca a Consellería de Sanidade, unha decisión que se coñecerá mañán tras a reunión do comité de expertos. Non obstante, Cacabelos ratificouse nas súas verbas do pasado sábado demandando tanto á Xunta de Galicia como o Goberno central o inicio dun confinamento domiciliario de quince días que axude a poñer freo ao ritmo de contaxios. “Estamos perdendo un tempo moi importante, e as medidas parciais postas en marcha tampouco benefician a economía”, opinou o rexedor meco, quen o sábado fixo un chamamento a toda a clase política a unir forzas e mostrar valentía coas medidas xa que “o único que gaña é o covid, mentres toda a sociedade perde”.

02 nov 2020 / 16:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.