Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O “lago vial” na entrada de Mosteiro será por fin arranxado “tras décadas de demanda veciñal”

Marta Giráldez asinou hoxe con Carmela Silva o convenio para “mellorar a seguridade viaria nun tramo da EP-9402 entre Barrantes e O Mosteiro, á entrada do núcleo”.

A rexedora socialista do concello de Meis, Marta Giráldez, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, a tamén socialista Carmela Silva, asinaron hoxe tras unha xuntanza telemática o convenio para “mellorar a seguridade viaria nun tramo da EP-9402 entre Barrantes e O Mosteiro, á entrada do núcleo”. Concretamente, un espazo de 250 metros de lonxitude onde ano tras ano as copiosas choivas invernais, provocaban inundacións nestre tramo do vial onde se freaban os coches. Unha situación para a que a veciñanza levaba xa tempo demandando unha solución.

“Este convenio nace dunha demanda histórica da veciñanza de Meis”, lembrou a presidenta provincial, que rememorou que a causa desta problemática sitúase “nunha obra mal feita, mal rematada que provocaba a creación dun auténtico lago na estrada”. É por iso que Carmela Silva lamentou non poder “firmar este convenio en Meis”, por mor da situación sanitaria, e emplazouse a poder festexar a solución desta problemática unha vez se finalice a actuación. “Agardo que cando se rematen as obras poidámolo celebrar en Meis cun acto cultural. A política ten que ser escoitar a veciñanza. Estamos a construír unha provincia diferente. Grazas á veciñanza pola súa demanda: achega moito á transformación do espazo público”, gabouse Silva.

Pola súa banda, Marta Giráldez, agradeceu á Deputación a súa sensibilidade cunha “necesidade que veñen demandando os veciños do concello durante décadas”. Unha problemática da que Carmela Silva era coñecedora de primeira man, pois nunha visita á localidade hai un ano “os veciños xa lle manifestaron esta necesidades e hoxe estamos aquí, en plena pandemia, asinando este convenio”, parabenizou a alcaldesa. Que se mostrou convencida de “que nuns meses pasearemos por esta infraestrutura vendo como esta contorna da Praza do Mosteiro está aínda máis humanizada”.

O proxecto, tal e como adiantou Carmela Silva, conta cun orzamento de 310.866 euros, que se repartirán entre o organismo provincial –o 70%– e o concello do Salnés –o 30%–.

A actuación vai solucionar a problemática actual existente no acceso ao núcleo de Mosteiro, cun proxecto de mellora integral cunha plataforma de convivencia sobreelevada con zonas axardinadas e mobiliario urbano. Renovarase, ademais, o firme da vía e crearanse espazos que faciliten a convivencia entre peóns e vehículos, aumentando tamén a sinalización.

O proxecto inclúe a canalización das pluviais que solucione o problema das inundacións, o soterramento das redes de telefonía e electricidade e a renovación de luminarias para mellorar a eficiencia enerxética a través de iluminación LED.

06 oct 2020 / 15:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.