Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Veciños de 36 provincias visitaron Sanxenxo durante a ponte do Pilar

O concello arousán ten acceso a estes datos grazas a un escáner lector de matrículas da Policía Local que permitiu coñecer, entre outros datos, a orixe das persoas que acudiron ao municipio // A maioría dos visitantes chegou dende algún punto da xeografía galega

Sanxenxo recibiu durante a pasada ponte do Pilar a visitantes de polo menos 36 provincias españolas. Un dato do que dispón o concello arousán grazas a un escáner lector de matrículas, a nova ferramenta de traballo da Policía Local, que permitiu coñecer, entre outros datos, a orixe das persoas que acudiron ao municipio durante este período vacacional e comprobar o tirón turístico de Sanxenxo fóra da tempada estival.

Os controis realizáronse a distintas horas nas dúas entradas principais ao municipio pola PO-308 e a saída da autovía durante as primeiras xornadas da ponte. A pesar da suspensión da Festa do Marisco do Grove, un importante revulsivo económico para a comarca, e a situación sanitaria do país, Sanxenxo recibiu nestes días a veciños de distintos puntos da xeografía peninsular, e mesmo algún que outro provido das Illas Canarias.

Non obstante, a maioría dos visitantes –como era de agardar– achegáronse a Sanxenxo dende algún punto da xeografía galega. Un total de 807 vehículos procedentes da Coruña, Lugo, Ourense e distintos puntos da provincia de Pontevedra foron interceptados polos escáneres nas entradas ao municipio. De distintos puntos de Madrid desprazáronse 64 coches a Sanxenxo. Todos procedentes de localidades de Madrid que non estaban sometidas a confinamento. Mentres que tamén se achegaron á turística vila arousá, cidadáns residentes nas tres provincias vascas.

O bo tempo acompañou as tres xornadas da ponte do Pilar en Sanxenxo, un factor que animou aos desprazamentos desde León, Valladolid, Cantabria, Asturias, A Rioxa, Huesca, pero tamén de Córdoba, Murcia, Almería e Cádiz onde a climatoloxía non é un factor determinante para estes visitantes. En definitiva, os escáneres da Policía Local, que non estiveron as 24 horas do día, interceptaron un alto nivel de visitantes de distintos puntos de España e que demostra que Sanxenxo ten interese turístico tamén ademais de sol e praia.

O número de visitantes reflectiuse nos hoteis que permaneceron abertos durante esta ponte, ao redor de 35 establecementos, nos que se alcanzou practicamente o 100% nos de catro estrellas e un 60% no resto. A estes aloxamentos hai que sumar os apartamentos turísticos dispoñibles e os bos datos no consumo hostaleiro para o balance de cifras final, así como o papel das segundas residencias. Sanxenxo conta con 11.106 segundas residencias con propietarios de 49 provincias españolas e iso tamén se notou esta ponte do Pilar. A pesar da pandemia e á difícil situación, o goberno local asegura que “Sanxenxo mostrou músculo turístico durante esta ponte festiva e convertiuse en refuxio vacacional para miles de visitantes”.

13 oct 2020 / 15:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.