Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Pobra adquire o local do antigo restaurante O Lagar para darlle un uso cultural

O Concello da Pobra formalizou a semana pasada a compra do local do antigo restaurante O Lagar. Tal e como manifestou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, o edificio presenta unhas características “singulares e idóneas” para unha finalidade sociocultural, ademais de afirmar que no termo municipal non existían outras dependencias que reunisen todas as cualidades para tal pretensión. Destacou tamén a súa situación ao atoparse no centro urbano, nunha das zonas máis densamente poboadas, e con posibilidade de ampliar a dous niveis máis e, incluso, un baixo cuberta, de ser necesario.

A edificación consta de planta en semisoto (276 m²), baixa (276 m²) e primeira (307 m²). Na actualidade dispón de tres accesos dende o exterior. Unha destas entradas é a do coworking, o cal leva en funcionamento dende abril de 2017. Conta con capacidade para dez emprendedoras e emprendedores e divídese en estancia para reunións, sala de audiovisuais, cociña con área de descanso e aseo. O segundo dos accesos comunica este espazo de traballo colaborativo coas escaleiras que conducen ao primeiro andar, así como cun despacho que se comunica coa cociña, onde se atopa o terceiro dos accesos. Nas inmediacións deste atópanse outras escaleiras, as cales baixan ata o soto, que poderá ser empregado coma almacén (dispón dun montacargas que se comunica directamente coa rúa) e que aínda ten en condicións de uso as cámaras frigoríficas do antigo restaurante, razón pola cal, eventualmente, se poderían conservar alimentos frescos. Na cociña tamén hai un ascensor que comunica co soto e co primeiro nivel. Neste último é onde está habilitada a Casa da Mocidade que se estrutura nunha ampla área multiusos (con escenario, equipo de son, pantalla, proxector e mobiliario) e nunha sala de traballo dotada de mesas, ordenadores portátiles e unha pantalla táctil. Neste piso tamén están dous talleres que forman parte do FabLab, e hai dous servizos. Cómpre indicar que o inmoble conta con auga quente, calefacción e extracción de aire.

Así mesmo, o rexedor explicou que a alternativa sería a adquisición dunha parcela das mesmas proporcións e a construción dun local igual, pero que “suporía a necesidade dun tempo moito maior para poñer en funcionamento os servizos previstos, e seguramente un maior investimento.” Por esta razón, dixo que a compra deste edificio é “a mellor opción”, ademais de facer fincapé nas posibilidades que ofrece.

Piñeiro aproveitou a ocasión para trasladar o agradecemento aos anteriores propietarios pola actitude e facilidades amosadas no transcurso de todo o proceso.

A concelleira da Facenda e de Promoción Económica, Charo Varela, detallou que no expediente de adquisición da edificación consta un informe de valoración económica realizada por un equipo técnico especializado que determinou un valor da parcela de 122.430 euros e da construción de 254.280 euros, é dicir, un total de 452.052 euros. Para a dotación da partida orzamentaria necesaria, o Concello abriu un expediente para a licitación dunha operación de endebedamento, da que resultou adxudicataria Abanca. Deseguido, iniciouse o expediente administrativo de contratación patrimonial para a adquisición do local, co prezo de partida estipulado no informe de valoración. As persoas propietarias fixeron unha oferta cunha redución de 7.052 euros, polo que o prezo final se situou nos 445.000 euros, contía que foi aceptada pola administración local e chegou a formalizarse a compra no día 3 de marzo.

O investimento realizado no inmoble por parte do Concello foi de aproximadamente 130.000 euros para a dotación do coworking e da Casa da Mocidade.

A edil destacou a importancia desta operación, pois permite poñer en valor e asegurar que os servizos que xa se puxeron en marcha teñan continuidade no futuro.

Pola súa parte, o concelleiro de Mocidade, José Andrés Lojo, declarou que a compra permite habilitar unha recepción no espazo que se atopa a carón da entrada principal. A intención do executivo é que un traballador ou traballadora municipal estea atendendo presencialmente un horario fixo á semana, ademais de contribuír a dinamizar o local, se ben o obxectivo é que algún día se poida autoxestionar por parte da xente moza.

Finalmente, o edil de Mobilidade, Xabier Santos, sinalou que a compra permite acceder a unha área necesaria para executar obras que melloren a accesibilidade. En primeiro lugar será precisa a construción dunha rampla. Logo estudarase como dispoñer do ascensor da maneira máis axeitada, tendo en conta que na actualidade ábrese en dúas zonas que terán uso por si mesmas: a cociña e un dos talleres do FabLab.

10 mar 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.