Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra complementa as axudas da Xunta á hostalería con 69.000 euros

A aportación municipal permitirá que cada un dos 69 establecementos beneficiarios reciba mil euros

O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Facenda e Promoción Económica, Charo Varela, deron conta das medidas aprobadas por unanimidade no último pleno da Corporación referentes á hostalería. Preténdese así fomentar a actividade económica e apoiar o mantemento do emprego neste sector.

Un dos asuntos tratados foi o convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería de Emprego e Igualdade e o Concello da Pobra para a concesión das axudas ó sector da hostalería cuxos negocios quedaron afectados polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias por causa da COVID. O referido documento supón que a administración local se compromete a achegar a contía total de 69.000 euros para completar, mediante xeración, as axudas da Orde do 22 de febreiro para o Programa I (Hostalería), convocadas pola Xunta de Galicia, existindo no eido pobrense 69 beneficiarios/as de ditas axudas. Deste xeito, a achega municipal destinarase a conceder axudas complementarias, por un importe de 1.000 euros para cada un dos establecementos con domicilio na Pobra.

Por non existir actualmente crédito orzamentario no vixente exercicio, resultou preciso aprobar as modificación necesarias para dotar crédito. Ó tratarse dun novo gasto, que non estaba previsto nos orzamentos, a modificación procedente é a do crédito extraordinario. Este incremento de gasto pódese financiar coa redución noutras partidas, como o alumeamento ou os festexos populares, mais, tanto o alcalde como a edil insistiron en que isto non significa que se supriman as celebracións, pois afirmaron que se restituirán as partidas para o Nazareno e o Carme dos Pincheiros, xa que “teñan ou non actividade as comisións de festas, o Concello, dentro das normas que permita nese momento a prevención fronte á COVID, fará actividades.”

Así mesmo, aprobouse provisionalmente a modificación da ordenanza fiscal número 10 reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público, por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa, mediante a introdución dunha disposición transitoria co seguinte teor literal: “Suspéndese temporalmente a vixencia desta ordenanza fiscal ata o 31 de decembro de 2021 pola crise económica derivada da COVID.” O Concello busca así continuar colaborando coa hostalería mediante a redución das cargas fiscais sobre este sector. Cómpre indicar que a referida taxa supuxo en 2019 unha recadación de preto de 23.500 euros, que coa suspensión do seu cobramento para 2021, suporía unha axuda directa á hostalería que lle permitiría reducir os seus gastos operativos, igual que no pasado ano.

04 may 2021 / 18:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.