Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra exhibe pranchas dos gravados de ‘Voces de Gesta’

Foron utilizadas en 1911 para imprimir as obras coas que sete artistas ilustraron a peza teatral en verso de Valle-Inclán

O Museo Valle-Inclán da Pobra foi escenario na tarde do venres da inauguración da vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, coa apertura da exposición Voces de Gesta. Tragedia pastoril. Trátase dunha reimpresión de pranchas de gravado orixinais (de 1911) realizadas polos artistas Ricardo Baroja, Ángel Vivanco, Rafael Penagos, Moyá del Pino, Anselmo Miguel Nieto, Aurelio Arteta e Julio Romero de Torres para ilustrar dita obra de Valle-Inclán, que é unha peza teatral en verso.

Na sala exhíbense tamén as pranchas orixinais, de ferro, que foron limpadas e restauradas para reimprimir os gravados na única imprenta galega capaz de facer este traballo con pezas tan antigas: a de San Martín, en Santiago, que estivo representada polo seu dono, Manuel Quiñoy, e pola súa dona. Ditas pranchas pasarán a formar parte dos fondos do museo pobrense.

E, co gallo desta mostra, abriuse ao público a sala de Iconografía Contemporánea. Entre os asistentes figuraban o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina, membros da Corporación e representantes de institucións e do tecido asociativo cultural.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, cualificou de “imprescindible” seguir facendo programación cultural e fixo fincapé en que “a cultura está viva e, se se fai ben, é segura”, ademais de apelar á responsabilidade das persoas para seguir as medidas. Lojo animou á veciñanza a asistir para desfrutar das actividades “con tranquilidade”.

O director do museo, Antonio González Millán, explicou que dita exposición permanecerá ata final de ano e efectuaranse visitas comentadas para debullar as súas características, así como da serie completa de Siro López e Domingo Regueira, ademais doutros artistas que se irán incorporando. Asimesmo, indicou que a referida serie “pretende trasladar o traballo que tiña facer un libro ilustrado a principios de século XX”, o cal se compoñía principalmente de pranchas de lámina completa, orlas, letras capitulares e outro tipo de motivos.

Na súa intervención, Manuel Quiñoy manifestou que foi “un orgullo e unha satisfacción moi grande” encargarse do traballo de impresión, o cal é longo e comprende a limpeza dos clixés, axustalos, pasalo a máquina, facer comprobacións e correccións, entre outros aspectos.

Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo, deu traslado do apoio por parte da Xunta de Galicia, ademais de agradecer o esforzo por parte do Concello para impulsar esta programación. Asimesmo, insistiu en que a “a cultura é unha actividade segura e que todos os programadores están poñendo plans de continxencia” e sinalou que resulta preciso “facer da cultura un recinto, unha actividade e un espazo seguro e animar ás persoas a que volvan ás actividades presenciais cas capacidades que a autoridade sanitaria permita”.

O rexedor pobrense, Xosé Lois Piñeiro, foi o encargado de pechar a quenda de intervencións e deu as grazas a todas as persoas e entidades que fixeron posible estas xornadas. Asimesmo, Piñeiro avogou pola posta en valor da figura e legado de Valle-Inclán. Do mesmo xeito, salientou o patrimonio co que conta A Pobra, o cal amosaron ao secretario xeral da Cultura, nesta ocasión, a través dunha visita ao Pazo do Couto.

18 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.