Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra organiza un amplo dispositivo de seguridade para celebrar esta fin de semana a festividade do Nazareno

A festividade do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, terá lugar do 18 ao 21 de setembro na Pobra do Caramiñal. Para a xornada do domingo 20, a parroquia, a comisión e o Concello uniron forzas e estipulouse un amplo dispositivo para garantir a seguridade e saúde pública. Así o deron a coñecer tanto o alcalde Xosé Lois Piñeiro, coma a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, o seu homólogo da Seguridade, José Andrés Lojo, e o presidente da comisión do Nazareno, José García.

O rexedor fixo fincapé en que a única finalidade de todo o dispositivo e da loxística é garantir a seguridade das persoas e limitar o risco de contaxio que poida existir nunha data coma a do domingo 20, remarcando que “para nada a nosa pretensión é facer unha promoción das festas, senón que do que tratamos é de previr o que poida pasar ese día.” Así mesmo, aproveitou a ocasión para facer un chamamento á veciñanza para a máxima responsabilidade e un cumprimento estrito das medidas de protección, ademais de evitar aglomeracións e atender todas as recomendacións e instrucións que se fagan dende os corpos de seguridade.

A edil Estefanía Ramos detallou todo o mecanismo artellado de cara á celebración dos oficios, dos cales tres terán lugar na praza Alcalde Segundo Durán (ás 10.00, 11.30 e 13.15 horas). Efectuaranse varias desinfeccións do espazo. Para tal ocasión, montarase o palco para o uso do párroco e a cabida estipúlase en 500 persoas, dispoñendo de cadeiras coa distancia de seguridade de 1’5 metros. Ademais, o escenario e 200 asentos estarán cubertos por un toldo de 800 metros cadrados. Tamén se porán baños portátiles, cuxa limpeza se realizará de xeito frecuente atendendo as medidas sanitarias implantadas por mor da COVID-19.

No que respecta ao acceso á praza, será mediante unha entrada con código QR. Estes tíckets distribuiranse a través do enderezo electrónico nazarenoentradas2020@gmail.com e tamén haberá unha persoa voluntaria da Protección Civil, quen as repartirá á saída da novena na igrexa de Santiago do Deán. Será preciso facilitar o nome, os apelidos e o número de teléfono, ademais de especificar a que misa se asistirá das que se desenvolverán no exterior. O obxectivo é non superar o límite e ter un rexistro de quen está en todo momento no lugar.

Non obstante, retransmitirase en directo o oficio das 13.15 horas a través do Canal Barbanza e en streaming pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, ofrecendo outra alternativa á presenza en persoa.

Pola súa parte, o concelleiro José Andrés Lojo especificou o dispositivo que se despregará para garantir a seguridade e saúde pública. Neste senso, contarase con efectivos de seguridade privada para controlar o acceso e distribución dentro da praza Alcalde Segundo Durán; todo os membros dispoñibles da Policía local, que se centrarán no uso da máscara e outras medidas esixidas pola situación da COVID-19; e a Protección Civil da Pobra, así como doutros municipios para reforzar as súas funcións, que van montar un hospital de campaña na entrada da praza por se resulta preciso o seu uso. Da mesma maneira, haberá unha ambulancia de soporte vital avanzado con persoal médico e outra de soporte vital básico, as cales estarán para cubrir as necesidades sanitarias do evento. E tamén se solicitou a presenza da Garda Civil para apoio.

Cómpre sinalar que estará cortado o tráfico rodado na rúa Díaz de Rábago, concretamente no tramo que comprende dende os semáforos ata a rotonda, en horario de 08.00 a 15.00 horas, así como no carril de servizo desta vía; unha actuación que persegue evitar aglomeracións nas beirarrúas. Neste senso, tamén se limitará a circulación peonil no contorno da praza.

Finalmente, o presidente da comisión do Nazareno, José García, indicou que están apoiando todos os eventos da Igrexa en colaboración co Concello. En canto aos oficios que se celebrarán no propio templo (08.00, 09.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas), explicou que a cabida está limitada a 120 persoas e que haberá a máxima seguridade. Entre misa e misa, unha empresa externa procederá á desinfección completa do espazo.

15 sep 2020 / 17:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.