Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Adxudican a Nemesio Ordóñez as obras da nova glorieta no lugar de Xuño

Os traballos, que van comenzar a finais de maio, terán un prazo de execución de 3 meses

Porto do Son. A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de construción dunha nova glorieta na estrada autonómica AC-550 en Xuño, no concello de Porto do Son, por un importe de preto de 253.000 euros. Os traballos, que foron adxudicados á empresa Nemesio Ordóñez S.A, comezarán a finais do mes de maio e terán un prazo de execución de tres meses.

Esta actuación precisa de expropiacións e o acto para o levantamento de actas de ocupación está convocado para o vindeiro 25 de maio.

A intervención ten por obxecto optimizar os movementos do tráfico rodado e mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro, na citada parroquia sonense. Para iso, executarase esa nova glorieta na intersección que conecta coa vía que leva á igrexa, pola marxe esquerda, e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita. A rotonda, cun diámetro de 28 metros, busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a zona interurbana e, deste modo, moderen a velocidade.

Destacar que a actuación prevista permitirá manter os aparcadoiros existentes na contorna, adaptándoos ao novo trazado da glorieta.

Ademais, coa fin de incrementar a seguridade peonil neste punto, tamén se vai habilitar un paso de peóns en dirección a Ribeira, a unha distancia duns 35 metros da rotonda. Reforzarase así a seguridade dos veciños e veciñas que realicen os seus desprazamentos a pé por este tramo do concello sonense. m. c.

08 abr 2021 / 16:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.