Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amicos ó cargo da posta a punto das praias de O Son

O Concello sonense adxudicoulles o proxecto de limpeza dos areais ás Ecobrigadas do colectivo // Xa retiraron 300 kg de lixo

A ecobrigada da asociación Amicos xa comezou a recollida de residuos mariños dos areais de Porto do Son para a súa posta a punto para o verán. Segundo indicaron dende o citado colectivo, está previsto que actúen na totalidade de praias no concello, empezando pola de Ornanda ou As Gaivotas e percorrendo toda a liña de costa, pasando por Coira, Aguieira, Cabeiro, Fonforrón, Subiglesia, Arnela ou Queiruga, ata alcanzar Ribeira.

Apuntan que se están a retirar unha media duns 75 quilogramos de residuos por día de traballo, un total de case 300 kg. Destacar que, ademais de recoller os residuos, a ecobrigada de Amicos encárgase de identificalos, clasificalos e pesalos, polo que ata o momento se recolleron das praias sonenses un total de 197 kg de plástico, 8 kg de vidro, 2 de papel e 83 kg de mistura de restos. A previsión é que cando rematen os traballos o total de residuos mariños retirados das praias sexa duns 450 kg.

“O que estamos recollendo maioritariamente son envases de plástico e redes”, indica Daniel Ares, capataz da ecobrigada encargada da limpeza. Sinala que malia todo, ve que a xente cada vez está máis concienciada con non tirar lixo nos areais: “Na praia de Baroña, unha turista inglesa achegouse para indicarnos onde atopara máis plásticos para que pasaramos a recollelos”, dixo ao respecto.

A brigada encargada desta actuación medioambiental está constituída por un capataz e tres operarios con discapacidade intelectual en risco de exclusión social.

Dende a asociación comentan que esta acción, financiada polo Concello de Porto do Son, “está en liña coa política ambiental de Amicos e está en liña coas accións desenvolvidas dentro do proxecto RE-MAR, promovido por Amicos e financiado pola Fundación Biodiversidad dentro do programa pleamar e sufragado por fondos FEMP”.

Este proxecto ten como obxectivo a redución de lixos mariños a través das persoas con discapacidade como motor de cambio e intenta fomentar a participación de institucións, traballadores do mar e a poboación en xeral.

03 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.