Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Astronomía, patrimonio industrial e música clásica centran a formación para maiores de 50 na Pobra

A POBRA. Despois de que no mes de abril fose preciso adiar a cuarta edición do ciclo Camiños de Coñecemento e Experiencia dada a situación epidemiolóxica derivada da COVID que atravesaba A Pobra do Caramiñal por aquelas datas, o programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dirixido a veciños e veciñas maiores de cincuenta anos retómase esta semana en colaboración coa concellería de Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo. Esta convocatoria focalizarase nas temáticas da astronomía, do patrimonio industrial e da música clásica galega. Cada unha delas constará dunha sesión teórica e outra práctica da man de persoal docente vencellado ao referido proxecto. Comezará o mércores 22 co coloquio titulado O sistema solar e a Vía Láctea, a cargo de José Ramón González Vidal e Pedro Pablo Campo Díaz. Regresará o venres día 24 cunha observación astronómica nocturna. José Manuel Vázquez Lijó impartirá o xoves día 23 o seminario Revisando a historia dende unha perspectiva local: o patrimonio industrial e as memorias da experiencia laboral no estudo da modernización das vilas costeiras de Galicia nos séculos XIX e XX, que se complementará no día 30 cunha visita ao Museo Anfaco da Conserva, en Vigo. E, finalmente, o luns día 27 será a quenda de Laura Touriñán Morandeira con Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881). Un capítulo único da nosa Historia de Galicia e da nosa Historia da Música Clásica Galega que terá continuidade na xornada seguinte. As prazas para poder participar nestas accións formativas do citado ciclo universitario xa están completas. A parte teórica desenvolverase en horario de 16.30 a 18.00 horas no auditorio do Museo Valle-Inclán. No transcurso do ciclo seguiranse as obligadas medidas de seguridade sanitaria implantadas por mor da COVID, respectando o distanciamento social e o uso de mascarillas. S. Souto

20 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.