Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cabo de Cruz, a aldea galaica que aspira a mudar a historia do remo

A entidade boirense, con 41 anos de traxectoria, non se resigna a ser segunda espada tras os remeiros vascos, absolutos dominadores da competición // A aposta pola canteira e o desenvolvemento do deporte feminino son inerentes a súa identidade // Veñen de quedar sétimos na Bandeira da Concha

Todo o mundo coñece os cómics de Asterix e Obelix, máis tarde levados ao audiovisual, nos que unha pequena aldea gala resiste os ataques sistemáticos dos poderosos romanos, pese a estar en teórica inferioridade, polo menos no referente aos recursos cos que conta cada contendente.

Esa “maldita aldea”, como dirían os renacentistas italianos, sempre consegue saír airosa gracias á forza do colectivo e á aposta polo propio. Aínda que non sempre sexa o que máis resultado da a curto prazo.

Sen embargo formar parte da resistencia non é o seu obxectivo final, aínda que tacticamente acepten ese enorme mérito, a súa aposta estratéxica é darlle a volta á situación e a medio prazo alcanzar a vitoria.

Algo similar pode ocorrer, ou polo menos é o que transmite desde fóra, co club de remo Cabo de Cruz. Este equipo fundado fai 41 anos ven de clasificarse un ano máis para a final da Bandera da Concha, a competición máis importante do estado, alcanzando o sétimo posto ,“o noso obxectivo era entrar mais unha vez que estás dentro non nos conformamos e sempre aspiramos a máis” matiza Gustavo Vázquez, director deportivo, que o ve “como un premio ao traballo e esforzo diario”.

Cabo de Cruz, pertencente ao concello de Boiro, atesoura unha longa historia de tesón e suores por facerse un nome no panorama estatal dun deporte dominado tradicionalmente polos vascos, cun poderío económico e unha aposta gubernamental que fai moi difícil, albiscar sequera, soñar con alcanzalos.

Un único dato é suficientemente ilustrativo para mostrar esta disparidade de condicións. A remuneración que adoita recibir un remeiro de Boiro a final de tempada é inferior ao que gañan nun só mes moitas das persoas que practican profesionalmente este deporte en Euskadi. “Competimos como se fósemos profesionais pero realmente somos amateurs” conta Vázquez.

Ante este panorama é complexo non pensar que a un remeiro galego de alto nivel non lle ronde pola cabeza a idea de deixar ao equipo da súa vida para ir probar sorte cos veciños euskaldúns, “tentados claro que están, é imposible competir na actualidade en igualdade cos seus remeiros, ademais nós temos que facer viaxes que eles non fan porque a maioría de competicións son nesa zona” argumenta Gustavo, que sen embargo non o ve só unha cuestión económica, senón que con ese poderío tamén remata sendo deportiva.

Esas viaxes das que fala o director deportivo teñen uns custos moi elevados para os deportistas no referente a súa calidade de vida, xa que cada vez que hai competición “temos que renunciar a parte da nosa vida, non hai un soldo fixo, temos que deixar a familia, aos fillos. Non podemos collernos un fin de semana para ir a praia, ou facer unha escapada dun par de días”. Isto loxicamente desgasta moito aos competidores, o que dificulta logo á directiva manter un bloque potente ano a ano por moi gratificante e exitosa que sexa a tempada.

Aínda que este club se fundara en 1979 é a finais do ano 93, despois dunha serie de crises que puxeron en xaque a entidade, cando nace o proxecto ao que aínda se lle da continuidade hoxe en día. Daquela produciuse un cambio na directiva, poñéndose á fronte os remeiros de máis antigüidade. Estes fan por primeira vez unha formulación seria de fomento da canteira a través dun convenio subscrito co concello de Boiro, que máis tarde dará lugar á Escola Municipal de Remo. Algúns dos remeiros mesmo formaron parte do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde se practica remo olímpico, chegando ao máis alto en campionatos de España, e mesmo a representar ao equipo nacional en varios campionatos do mundo xuvenil.

Esta aposta decidida pola canteira, traballando desde a base pola formación de rapaces e rapazas da comarca coa esperanza de que algún día cheguen ao primeiro equipo, é a principal sinal de identidade do proxecto. Forma parte do seu ADN. Esa filosofía é a ferramenta que utiliza a entidade para tratar de convencer aos remeiros para que medren xuntos co obxectivo de algún día tratar de tu a tu aos vascos e cántabros, “se só nos dedicaramos a traer xente de fóra, sen ese sentimento de pertenza, o remo non tería sentido” aclara Gustavo ao xornal.

Pero este equipo ademais da alta competición busca transmitir uns valores de vida, unha formación para os máis cativos, como demostra o seu lema “formar persoas, logo deportistas e por último remeiros”. Máis alá de gañar ou perder unha competición concreta, ou de permanecer máis ou menos anos no remo, buscan que a xente faga deporte e leve uns hábitos de vida saudables. Este modelo é unha garantía de éxito como demostra que moitos rapaces que deixan a entidade por cuestións cotiás da súa vida persoal rematen volvendo anos despois, “é o orgullo máis grande que temos, que sintan isto como a súa casa”.

Outra aposta fundamental deste club desde fai anos é o deporte feminino, a procura da igualdade no deporte. Esta aposta firme, ademais de necesaria, tivo éxitos na alta competición ao ser a primeira traíña da península composta por mulleres en gañar unha bandeira no ano 2005. Ademais foron uns dos principais impulsores da primeira traíña galega, chamada Rías Baixas, que gañou as primeiras cinco Conchas, a competición máis importante nesta materia. Pero non só ao nivel máis elevado sucede isto, tamén na base hai unha aposta importante tanto no cuantitativo como no cualitativo, sendo neste momento un número superior de rapazas que rapaces.

Ante este panorama xurde a pregunta de se é posible dar un paso máis e para iso hai un cousa que parece clara, a necesidade de máis cartos, ter máis recursos para continuar desenvolvendo o proxecto desde a base ás altas esferas do remo. Se ben, desde a formación da primeira división de traiñeiras no conxunto de España, a ACT, da que Cabo de Cruz foi un dos fundadores, o club atesoura 13 participacións e 2 bandeiras, eles non se conforman con simplemente competir na mesma liga con outras embarcacións con maior capacidade económica.

“Se comparamos os recursos que reciben os vascos por parte de entidades privadas, concellos, deputacións e autonomía co que recibimos nós, a cantidade é ínfima”, di Gustavo. Co obxectivo de mudar esta situación desde fai dous anos a entidade puxo en marcha o club de empresas, un proxecto no que ofrecen a posibilidade de asociar os valores deportivos, sociais e comunicativos do CRCC coa imaxe de empresa. Por agora “está funcionando moi ben, puxéronse varias empresas en contacto connosco, ademais Jealsa Rianxeira leva moitos anos sendo un motor importantísimo para o crecemento da entidade e sen ela non chegariamos ata o punto que estamos”, pero para que isto teña máis tirón “temos que darlles unha seguridade en imaxe e resultados”.

Ademais dos cartos considérase vital outra cuestión, poñer en alza o remo galego, que a mentalidade dos propios remeiros e da sociedade galega pase por coidar o seu, o deporte e a cultura que aquí se desenvolve. “Nós estamos seguros de que temos o nivel para que houbera 3 embarcacións galegas en primeira, gañándolle aos remeiros do resto do estado e non nos conformamos con simplemente formar o talento para que logo outros o desfruten fóra”, conclúe o director deportivo.

A aposta polo propio xunto á creación de lazos comunitarios, nun deporte “autóctono”, é algo que ten que incumbir a toda a sociedade de Galicia, inclúindo ás administracións e medios de comunicación públicos e privados. Desa maneira poderemos vislumbrar un futuro no que esa pequena e “maldita” aldea, neste caso galega e non gala, non só se dedique a resistir.

PALMARÉS

TEMPADAS NA LIGA ACT 13

Bandeiras na liga ACT 2

TEMPADAS NA LIGA ACT 13

Bandeiras na liga ACT 2

TEMPADAS NA LIGA EUSKOTREN 1

Bandeiras na liga Euskotren 0

PARTICIPACIÓNS NA BANDEIRA DA CONCHA 23:

Absoluto masculino 16

Absoluto feminino 7

FINAIS DA CONCHA 8:

Absoluto masculino 7

Absoluto feminino 1

BANDEIRA DA DIPUTACIÓN DE A CORUÑA 17

Absoluto masculino 16

Absoluto feminino 1

BANDEIRA DO CONCELLO DE BOIRO 3

CAMPEONATOS ESPAÑA 12

Batel 8

Traiñeriña 4

Traiñeira 0

27 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.