Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Unha campaña da Deputación traslada paisaxes da provincia á revista de viaxes // Hai ilustracións dos dolmenes de Dombate e Axeitos, estuario do río Anllóns, mirador da Curota, porto de Corme, hórreo de Nantón, O Ézaro, praia do Pindo, paisaxe de Traba, monte Louro, dunas de Corrubedo ou castro de Baroña TEXTO M. Boo

Calendario moi coruñés de ‘Natural Geographic’

O dolmen de Dombate abre o calendario anual da revista Viajes de Natural Geographic que, con 16.500 exemplares, dedica este 2021 á promoción dos recursos turísticos da provincia a través da Deputación da Coruña. Serán doce meses para difundir algúns dos principais lugares de interese da provincia nunha das revistas máis prestixiosas do sector.

Desde o dolmen de Dombate que abre o mes de xaneiro ata o mosteiro de Caaveiro que pecha en decembro, o tradicional almanaque da revista dedicado neste 2021 á Deputación da Coruña, visita lugares singulares pola súa riqueza paisaxística como o estuario do río Anllóns, o porto de Corme, o mirador da Curota, O Ézaro, a serra da Capelada, a praia do Pindo, a paisaxe de Traba e as dunas de Corrubedo ou o Monte Louro e a lagoa das Xarfas.

Tamén recolle o prestixioso calendario recursos patrimoniais e artísticos como a catedral de Santiago de Compostela no mes de xullo deste ano Xacobeo, o castro de Baroña, a Torre de Hércules, o monumento o Mirón de Arteixo , o hórreo en Nantón, o dolmen de Axeitos ou os museos navais de Ferrol.

“Ser protagonistas do calendario da revista Viajes de National Geographic é unha oportunidade para a promoción turística dos recursos da provincia cunha publicación que ten como destino un público moi amplo e especialmente interesado en viaxar”, sinala o vicepresidente e responsáble da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira.

O calendario enmárcase dentro da campaña da Deputación da Coruña destinada á recuperación do turismo despois da crise sanitaria, provocada pola pandemia do coronavirus, que se prolongará ao longo de todo o ano e que leva como lema “965 km de costa e un camiño infinito dan para moitas...” . “Consideramos que o 2021 ten que ser un ano de recuperación dun sector especialmente afectado pola pandemia e temos a certeza de que a provincia da Coruña ofrece destinos seguros e sauables que poderán ofrecer posibilidades tanto para un sector turístico desexoso de volver a viaxar como para quen busca unha opción sen riscos nun período tan complexo como o que vivimos, así que faremos unha aposta por contribuír á revitalización necesaria”, explica Xosé Regueira que pon o foco neste ano en que o calendario lembrará, mes a mes, que a provincia ofrece interesantes opcións para viaxes e vacacións.

Neste sentido, se na portada destaca unha impresionante fotografía da ría de Ares, a contraportada dedícase ao bosque encantado nas beiras do río Sarela coa imaxe da campaña de promoción turística da Deputación da Coruña, co seu lema que ofrece moitas posibilidades e que neste caso aposta polas “sensacións” para completar a frase que queda en “965 km de costa e un camiño infinito dan para moitas sensacións”.

26 dic 2020 / 20:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.