Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Desempoan curiosos documentos do arquivo histórico, entre eles unha orde real de 1709 pola que se obrigaba ós portugueses a retirarse vinte leguas terra adentro // Tamén está rexistrada a comunicación do falecemento de Castelao TEXTO S. Souto

Cando Rianxo tiña 1.154 carros e o gaiteiro cobraba catro ducados

O Concello de Rianxo atopou a fórmula perfecta para suscitar o interese por coñecer diversos aspectos do seu pasado: aliándose coas redes sociais, vai desempoando de vez en cando documentos do seu arquivo histórico que publica na súa páxina de Facebook. E a iniciativa está tendo un gran éxito.

Un dos documentos máis antigos data de xullo de 1673, e nel rexístrase o pago de catro ducados a un gaiteiro por ter actuado nas festas de Nosa Señora das Candellas, que custaran 126. Parte dos gastos foran adiantados por Andrés de Arango Garnica, procurador xeral da vila, que no seu escrito de reclamación se queixaba de que aínda non lle foran abonados.

Outro ben curioso data de 1709, cando se recibiu en Rianxo unha comunicación pola que Antonio Alfonso Mogrovego, alcalde ordinario máis antigo da cidade de Santiago e a súa xurisdición, por orde da Súa Maxestade, ordenaba que todos os portugueses que se atopasen na localidade se retirasen vinte leguas (96,5 quilómetros) terra adentro (hai que lembrar que España andaba daquela en liortas co país veciño). E aclaraba que daba igual que fosen relixiosos, eclesiásticos, casteláns casados con mulleres portuguesas, portugueses casados con mulleres castelás, que viviran en calquera das cidades, vilas e lugares da fronteira do reino de Portugal.

Por suposto, no arquivo custódianse moitos libros de rexistro. Como o de carros de vacas. No concello chegaron a estar censados 1.154. En 1949 había 902, pero ó ano seguinte a cifra reduciuse considerablemente: 87. En 1961 xa figuraban só 9. Que acontecería para pasar de 902 a 87 en só un ano? Unha das posibles explicacións é que en 1949, cando se creou este rexistro, o dato era de 902 carros, pero despois ía actualizándose anualmente só cos novos propietarios que se ían engadindo a este censo municipal.

A MORTE DUN VECIÑO ILUSTRE. O un de febreiro de 1950, na sesión ordinaria da comisión municipal permanente, o entón alcalde, Ramón Fernández Fernández, informou da recepción dun cablegrama do Centro Galego da República Arxentina comunicando o falecemento no sanatorio desa institución do ilustre galeguista rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No documento que se conserva no arquivo histórico rianxeiro sorprende comprobar como a persoa que rexistrou dita comunicación subsanou a sinxela alusión que acababa de facer a Castelao, tachándoa para engadir a continuación, coa fin de resaltar a importancia do autor, “esclarecido e ilustre hijo de esta villa”.

HIJOS DE ASADOS. Precisamente alí, en Arxentina, fundouse en 1909 a primeira sociedade de emigrados rianxeiros nese país: Hijos de Asados. A denominada Hijos de Rianjo creouse en agosto de 1911, dous anos despois. No xornal Nova Galicia publicábase o nove de xaneiro de 1909, na primeira páxina, a seguinte nova: “El amor a Galicia. Hijos de Asados. Representa este grabado la iglesia de Santa María de Asados, ayuntamiento de Rianjo, dibujada con acierto por el señor Jesús Castaño Rañó. En su hermosa torre quieren los residentes de Asados colocar un potente reloj de campana y visibles esferas, que a la vez de ser un buen adorno, es de gran utilidad para la población y aldeas próximas. El pensamiento nació del señor Juan Rodríguez Tarrío, que lo fue circulando, y actualmente se recolectan fondos, pues se calcula el coste total de la obra en dos mil y pico de pesos mínimo”.

areadecompostela@elcorreogallego.es

05 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.