Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Caravana feminista e mandís nas xanelas o vindeiro luns na Pobra

Rodrigo Brión Insua doaralle á Fundación Ana Bella, que traballa contra a violencia machista, os beneficios da súa primeira obra literaria

O Concello da Pobra conmemorará o Día Internacional da Muller baixo o lema A igualdade comeza pola educación. Para o estudantado da ESO, no instituto local configuráronse os obradoiros Novas masculinidades, dirixida aos rapaces, e Apoderamento feminino, destinado ás rapazas. Serán un total de 28 sesións que se impartirán durante marzo e abril.

No que respecta ao alumnado de Primaria, no Salustiano Rey Eiras e no Pilar Maestú Sierra comezará a vindeira semana un xogo virtual e interactivo con 30 preguntas sobre a igualdade.

E, para as e os escolares de Infantil, Troskita ofrecerá contacontos pola igualdade.

Por outra banda, convídase a toda a veciñanza a participar nunha manifestación virtual mediante a colocación na xanela ou no balcón dunha pancarta ou mandil, a publicar as fotos nas redes sociais e a etiquetar nelas á concellería de Igualdade e a 5 amizades para difundir a mensaxe.

Así mesmo, para o propio 8 de marzo está prevista unha caravana feminista. O circuíto iniciarase ás 20.00 horas no Paseo dos Areos, para continuar polas rúas Ponte, Gasset, Paz, Díaz de Rábago e Anxo Rey. Concluirá no aparcadoiro do recheo portuario, onde se levará a cabo a lectura dun manifesto. As persoas asistentes deberán permanecer no interior dos seus vehículos co obxectivo de respectar as medidas anti-COVID.

Por outra banda, o pobrense Rodrigo Brión Insua acaba de facer a súa primeira incursión na literatura cun libro que nace coa pretensión de facer reflexionar ao lector a partir de cada punto e final, ademais de achegar o seu grao de area á loita contra a violencia machista. Titúlase Nada ocurrió salvo algunas cosas e é un compendio de máis de cen microcontos e relatos.

Cada capítulo ten unha temática diferente e cada un deles préstase á libre interpretación do lector xa que, ao tratarse de textos breves, o que fan é expor situacións e conflitos ou presentar aos personaxes para que o lector faga o exercicio de seguir desenvolvendo el mesmo a historia ou imaxinar como ocorreu.

O autor doará todos os beneficios que lle correspondan polas vendas desta primeira edición á Fundación Ana Bella, Rede de Mulleres Sobreviventes, ONG que traballa para previr a violencia machista, rescatar, protexer e dar unha nova oportunidade ás vítimas desta problemática.

04 mar 2021 / 17:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
8-M
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.