Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Porán o foco no cine como recurso pedagóxico-social na acción polo clima e na eliminación de barreiras derivadas da COVID // Estarán liderados polo Concello de Outes e a Universidade de Santiago // Foron os mellor valorados TEXTO M. Cano

Climántica embárcase en dous novos proxectos Erasmus+

O Concello de Outes e a Universidade de Santiago de Compostela, lideran, con cadan seu proxecto creado en Climántica, o ranking en España das dúas modalides Erasmus+ de innovación educativa que convocou a Unión Europea para solucionar as carencias pedagóxicas derivadas da pandemia.

Climántica deseñou os dous plans. “No ámbito escolar presentóuselle a idea ao Concello de Outes, por ser a sede do primeiro centro educativo piloto, mentres que no ámbito da creatividade optouse pola experiencia do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC, o cal dirixe o catedrático José Antonio Caride”, explicou ao respecto o director do programa, Francisco Sóñora.

Sendo as dúas iniciativas que contaron coas mellores valoracións, ocupando o primeiro lugar de todas as solicitudes presentadas no país, posicionan ao proxecto nun liderado científico e académico de especial relevancia para procurar respostas educativas e sociais á crise ocasionada pola COVID.

“Deste xeito a Pedagoxía Social e a Educación Ambiental e a potencia da transferencia da educación á sociedade, superando fendas tecnolóxicas do ámbito dos pequenos concellos de Galicia, quedan como modelos a seguir dende o liderado que exercen e sitúanse ambas institucións como máximos expoñentes de España para a UE na xénese de modelos que afronten as carencias e adversidades que a pandemia esté xerando nas escolas e Universidades europeas”, sinalou o experto.

O proxecto no que se inclúen como centros asociados o IES Poeta Añón (Outes) e o Virxe do Mar (Noia) é un Erasmus+ KA226 (Asociaciones para la Preparación para la Educación Digital en el sector de Educación Escolar), liderado polo Concello de Outes e que obtivo un financiamento de máis de 251.000 €.

Baixo o título InnoEduCO2: Ciencia escolar e-learning one Health, a administración local contará coa participación da USC e as universidades de Ulasi (Rumanía) e de Aveiro (Portugal); dúas escolas públicas do país veciño; o Liceo XXVI (Polonia) e o Centro de Supercomputación de Galicia.

“Oriéntase a reforzar a capacidade das institucións de formación para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade a través do modelo pedagóxico e- learning STE(A)M-TIC que permita compensar o incremento nas carencias”, apuntou Sóñora.

Na modalidade KA227 (Asociaciones para la Creatividad en el sector de Educación Escolar) será o Grupo SEPA-interea o coordinador xeral e contará cun orzamento superior aos 247.000 euros.

O programa denomínase EDUCinema Clima TurAction: Creatividad colectiva y educación comunitaria en la alfabetización cinematográfica para un turismo de acción por el clima, e pon o foco “no cine como recurso pedagóxico-social na acción polo clima mediante a alfabetización dos estudantes de entre quince e dezasete anos de idade, os cales crearán unha película de cinema musical con escenarios en diferentes países e contextos de interese de turismo verde”.

Serán socios a USC, a universidade de Aveiro (Portugal) e a de Bolonia (Italia), e tres IES: o Liceo XXVI (Polonia), o Instituto Español de Lisboa (Portugal) e o IES Vila de Firgas de Las Palmas de Gran Canaria.

Neste contexto, o traballo que realizarán “será unha ferramenta de sensibilización para atraer e comprometer aos turistas en accións polo clima nas súas estadías turísticas en territorios que tentan afrontar os impactos do cambio climático e das pandemias”, concluíu o profesor.

28 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.