Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Constrúe o cabano da súa infancia en Boiro, soñado na emigración

Antonio Couso Lojo levantou con xestas un tipo de graneiras tradicionais xa desaparecidas

Cabaceira, cabaceiro, cabano, espigueiro, graneira, piorno, sequeira... Chámeselle como se lle chame, os hórreos que antigamente se construían con varas, moito antes dos que coñecemos agora, eran moi frecuentes en Galicia. Non perduraron porque son menos resistentes que os de madeira ou pedra. Os expertos din que poden ter unha orixe ancestral (de feito, en Pontevedra reconstruíuse unha aldea neolítica así). O único cabano rectangular que quedaba en pé está en Poio, según a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galicia (Apatrigal).

Pero, sempre que haxa oco para algo na memoria, haberá esperanzas para conservalo. Iso pensa Antonio Couso Lojo, un boirense de 75 anos que acaba de levantar o cabano da súa infancia, que levaba na memoria cando marchou da súa aldea de Coroño para emigrar, con tan só 15 anos.

“Xa daquela había moi poucos. Eu só lembro dous. Xogábamos neles mentres non chegaba a época de enchelos de millo”, sinala Antonio.

“En tempos dos meus bisavós eran construcións tan frecuentes como hoxe os hórreos, pois daquela non había un real para facer nada, e menos de pedra... Non había nin arados de ferro”, explica.

Antonio emigrou sendo un neno. Primeiro embarcou e andivo á pesca do bacallau en Terranova, ata que o chamaron para facer o servizo militar (de dous anos) en Guinea.

“Ós quince días de acabar a mili volvín para Terranova e, dous anos despois, marchei para Alemania, onde estiven traballando tamén doce anos en barcos”, comenta.

Foi alá onde soñou moitas noites co cabano da súa nenez e coa súa aldea de Coroño. E agora, desfrutando xa da merecida xubilación xunto á súa muller, Maruja, as súas fillas e os seus netos, Antonio quixo levantar aquel cabano coas súas propias mans para convertelo nun monumento ás súas orixes. “A base fíxena cos paus do tendido da telefonía; as traveseiras son de eucalipto e as pólas das paredes e da cuberta son de xestas”, di. Mira para el... e escápaselle un sorriso de neno.

06 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.