Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dende o BNG noiés apostan por investir en saneamento parte do POS

Na proposta tamén se inclúen axudas para adquirir os alumnos material informático

Noia. O Bloque Nacionalista Galego de Noia vén de rexistrar unha proposta de investimentos para os 593.000 euros do Plan de Obras e Servizos (POS) 2021 da Deputación de A Coruña, para que, “de ser estimada total ou parcialmente, os servizos técnicos municipais teñan tempo para realizar as memorias xustificativas e revisar as cantidades exactas dos investimentos”, aclararon ao respecto dende a citada formación.

No seu plantexamento os nacionalistas céntranse no saneamento, para o que propoñen actuacións por valor de 413.000 euros nos lugar de Ousoño e O Gradil (no barrio noiés de A Barquiña).

Ademais, tamén contemplan unha mellora da accesibilidade coa instalación dun elevador na biblioteca da casa da cultura Antón Avilés de Taramancos por valor de 66.000 euros; unha páxina web e aplicación para móbiles accesible gratuitamente para os establecementos de comercio e hostalería “que facilite a comercialización a domicilio con 8.000 euros” e un plan de axudas para a adquisición de material informático por parte do alumnado de Noia, para o que destinan un total de 74.000 euros da subvención provincial.

Segundo explicou onte o portavoz do grupo municipal do BNG, Ricardo Suárez, “con estas propostas reafirmamos a nosa aposta pola calidade das augas, o apoio ao comercio e á hostalería, a igualdade de oportunidades do alumnado para ter recursos educativos nos seus domicilios e pola accesibilidade nos edificios de servizo público”. m. t.

14 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito