Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

En Noia, queremos rally

    NA FIN DE SEMANA na que Noia se converte na capital galega do mundo do motor son moitas as persoas que, chegadas de distintas partes do país, encontran na nosa vila e comarca o enclave perfecto para desfrutar dunha das probas decanas do campionato galego de rallys. É sabido que cada vila ou cidade destaca, no transcorrer do tempo, por unha especial afección a unha práctica deportiva concreta. No caso da nosa vila, a do automobilismo -entre outras- é clara, tanto ou máis na multitudinaria contemplación desa actividade como espectáculo que mesmo na práctica deportiva, sendo esta a única de toda Galicia que ten lista de espera de participantes. Un seguimento que en número de espectadores supón máis do dobre da poboación da nosa vila.

    Por iso mesmo, loitar contra os atrancos ao lexítimo dereito dunha afección a seguir desfrutando daquel deporte que máis aprecia é unha responsabilidade que atinxe tamén as propias institucións e organismos locais na defensa desa -nosa- tradición, como demostra a reunión celebrada nos últimos días por representantes municipais co secretario xeral para o Deporte da Xunta. Mais aínda se detrás desta expulsión do calendario oficial para 2023 se adiviña, como parece, un afán de desquite. A responsabilidade da Administración local sobre este feito está restrinxida –pola limitación de competencias de seu- a pouco mais que poñer en coñecemento da opinión pública estas nefastas prácticas e tamén, como se está a facer, en tentar mediar na resolución desta cuestión, tan importante para a vila. E non é pouco!

    O deporte federado, coas presuntas irregularidades que se están a denunciar na sede da Federación Española de Fútbol e mesmo na longa historia de caprichos e manipulacións habidas nas distintas federacións en España, ven precisando con urxencia dunha nova normativa e da apertura de procedementos de investigación que acaben co nepotismo no deporte que tan negativamente repercute sempre en aqueles que o practican e observan. E o ferrolán José Manuel Franco, como presidente do Consello Superior do Deporte do Goberno do Estado é a persoa acaída para tal responsabilidade. Cabe agardar que a nova Lei do Deporte, aprobada días atrás no Congreso e que ven a substituír á de 1990, serva para botar man o freno diante destas practicas de favoritismos interesados.

    A aparición de novos rallys coma o de Ribeira, moi próximo a nosa vila, é unha demostración máis do interese que esta práctica vai conseguindo cada vez en maior medida entre a sociedade, especialmente entre os máis novos, e que en Noia conta cunha tradición de décadas. Por iso resulta canto menos curioso que logo de 36 edicións -case consecutivas- elimínese o rally noiés do calendario a falta dun mes para as eleccións da Federación Galega do Automobilismo. Se o noso rally se deixa morrer, suporá unha importante derrota para unha vila que precisa de máis estímulos que tolerados fracasos. A cidadanía, e a xuventude en concreto, bastantes atrancos ven padecendo como para que se lle arrinque unha ilusión tan asentada. En Noia, queremos rally.

    10 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.