Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Firma do convenio que abre paso ás obras da depuradora

Buscan pór fin ás deficiencias de funcionamento e mellorar o saneamento da ría de Noia // Invístense tres millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Noia, Santiago Freire, o convenio de colaboración para executar a mellora da estación depuradora de augas residuais, cun investimento autonómico de 2.925.000 euros.

O Goberno galego prevé licitar as obras en vindeiras semanas, co obxectivo de comezar os traballos en 2023. A actuación conta cun prazo de 13 meses, dos que 10 se corresponden coa execución das obras e 3 para a posta en marcha das instalacións.

A Xunta asumirá integramente o financiamento desta actuación, que se enmarca no Plan de saneamento local de Noia e que redundará na mellora dos servizos e da calidade de vida dos veciños, no coidado do medio e no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo. Ademais, Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, a administración municipal asume as obras realizadas, así como a obriga da súa posta en servizo, a súa explotación e o seu mantemento e conservación, empregando as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

A intervención está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

Segundo infomaron dende a Xunta, as actuacións proxectadas céntranse na reforma, transformación e modernización dos distintos elementos que compoñen a planta de tratamento de augas residuais municipal. Instalarase unha nova reixa de grosos automática, previa ao bombeo de cabeceira, interceptando as conducións de entrada antes da reixa existente e deixándoa como by- pass, para o que se instalarán comportas para independizar cada unha das canles.

Tamén se instalará unha ponte desareadora desengraxadora que enviará as areas ao clasificador de areas e as graxas ao concentrador, e disporase un novo equipo de produción de microburbulla para optimizar do proceso do sistema de flotación por aire disolto para a optimización do proceso da auga a tratar.

Na reforma desta planta de tratamento de augas residuais inclúese, tamén, a instalación de novos equipos de dosificación de reactivos, e prevén a renovación da metade da cuberta do edificio que queda por substituír e das baixantes de recollida de auga. A maiores, incluirase a instalación de sistema de ventilación para a renovación do aire do edificio.

O Goberno galego leva investido nos últimos anos 4,7 millóns de euros en actuacións de apoio ao Concello de Noia en materia de infraestruturas hidráulicas. Os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 1,95 M€ para a mellora da depuradora e 0,97 M€ en 2024 para completar a intervención.

20 dic 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.