Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Histórico orzamento co que Muros pode mirar adiante con optimismo

Ascende a 7,8 millóns de euros o presuposto, que se viña prorrogando dende o ano 2015, o que era un handicap na xestión municipal // Sométese hoxe a pleno

Na man dos membros da Corporación muradá está enderezar o rumbo do Concello. Hoxe o goberno local, liderado pola popular Inés Monteagudo, tratará de sacar adiante uns orzamentos que ascenden a 7.832.293 euros. Despois de varios exercicios prorrogando as contas, trataríase do primeiro proxecto económico aprobado no municipio dende o ano 2015, cando aínda gobernaba a socialista Caridad González, estando desfasado na actualidade. “Esa falta de orzamentos está sendo un handicap no que é a xestión municipal, pois fai inviables determinadas xestións e está prexudicando ao Concello e aos veciños”, asegurou a mandataria local.

É un documento de transición entre a situación na que se atopan e á que lles gustaría chegar. Non inclúe plans ambiciosos “porque non é posible coa situación financeira e contable que temos agora”.

O que se pretende é “crear unha estrutura de gasto que permita o desenvolvemento futuro das cuestións de interese para o Concello”.

Por iso, ao capítulo de persoal destínase a metade do gasto presupostario (50,6 %). Para investimentos resérvanse 1.060.284 €. “Coas incorporacións de remanentes que se están a executar e que pertenecen a exercicios anteriores vaise elevar a 1.898.596 euros”, indica a alcaldesa.

A proposta do Partido Popular aumenta a liquidez e atende os servizos básicos esenciais e axudas de emerxencia en activo, destinando a actuacións de protección social 1.129.277 euros.

“Queremos pór ao concello nunha situación de saída e cunha perspectiva de futuro”
Inés Monteagudo Alcaldesa de Muros

Cando chegaron ao concello de Muros atopáronse con moitos problemas.

Encontrámonos cunha falta de execución moi importante do presuposto. De feito, desenvolvimos actuacións do POS 2017 e 2018 ao longo do exercicio pasado. Había un atraso moi grande en todo o que é a xestión de obras, e unha situación complicada e xudicializada do persoal. O que pretendemos é solucionar os problemas máis graves.

Agora están a un paso de aprobar os orzamentos.

Gustaríanos poder facer un documento que tivese máis perspectiva de futuro, pero coa situación que padecemos non é viable, temos que pornos a cero e a partir de aí regularizar os atrasos; moitas das cousas fómolas facendo, pero aínda quedan outras pendentes. Pómonos nunha situación de partida que si nos permita desenvolver unha política enfocada a novos proxectos. Non é posible facelo doutra maneira.

Contaron coa oposición para a súa elaboración?

O orzamento recolle os acordos que se foron acadando ao longo deste tempo nos distintos plenos en canto a investimentos, que son a parte estrela dos presupostos, sobre todo as obras que se aprobaron para o POS e algunha outra actuación que se acordou iniciar, como a humanización da rúa Real. Son froito dos acordos que conviñemos nas sesións plenarias. A vertente política ten que ver en parte pola xestión do persoal para regularizar o estado no que se atopa. No resto, por desgracia, non puidemos incorporar nada máis porque tratamos de pornos ao día.

Cal é o éxito deste documento?

O logro máis grande sería aprobalo e pór ao Concello nunha situación de partida cunha perspectiva de futuro. Que isto nos sirva de base para poder regularizar a situación actual e desenvolver proxectos máis ambiciosos para acadar desta forma outro panorama no que se poida negociar.

Dada a situación sanitaria e económica, ten protagonismo o gasto social?

Si, aínda que nos gustaría poder pór en marcha máis programas de atención social, con todo non é posible agora mesmo. A parte do presuposto que se dedica a actuacións de protección e promoción social é o 14,42 por cento. Seguimos incrementando o servizo de axuda no fogar en horas para chegar a máis xente; atendemos as situacións de emerxencia social; temos un programa de apoio para nenos usuarios do servizo, e achegas para o sector económico... Basicamente o gasto social céntrase, sobre todo, no SAF e na atención a colectivos desfavorecidos. Tamén continuamos apostando polo Centro de Información á Muller.

Hoxe é o gran día. Que suporía para vostede sacar adiante os orzamentos? Que lle diría á oposición?

Para nós foi un esforzo grande, para todo o departamento económico e de Intervención do Concello, e tamén para a concellería de Facenda e para min, como alcaldesa. Está feito ademais nunha situación de pandemia que aínda non mudou e que absorbe moitos recursos municipais. Foi un gran traballo pero entendemos que era necesario e que non había outra posibilidade que acadalo desta maneira. Se non se aproba, teño que dicir que nós fixemos o traballo, agora nas mans do resto da Corporación está sacalo adiante ou non. Eu diríalle que non é o documento que nos gustaría presentar, evidentemente, pero si é o máis realista e o necesario para sentar as bases para que máis adiante poidamos desenvolver outro tipo de iniciativas.

06 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.