Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Impulsa a Xunta melloras enerxéticas en instalacións de Noia, O Son e Carnota

Na piscina noiesa investirán unha subvención de máis de trinta e tres mil euros para a colocación de cento dous paneis solares

O Executivo galego apoia con máis de 250.000 euros aos concellos de Noia, Porto do Son e Carnota para impulsar a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. Así o anunciou onte o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante unha reunión telemática que mantivo co alcalde noiés, Santiago Freire Abeijón.

No encontro virtual, o representante do Goberno autonómico informou da resolución destinada aos municipios da comarca do Barbanza, na que recibirán achegas un total de tres concellos. Concretamente, en Carnota no pavillón polideportivo (105.623,30 euros); en Porto do Son, na casa consistorial (22.860,29 €), no colexio de Xuño (43.738,11) e no centro de saúde (43.738,11); e en Noia, no centro social de Orro (1.916,64 euros) e na piscina municipal (33.175,30 €).

No caso concreto de Noia, contarán cunha axuda do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para a piscina municipal, na que se instalarán 102 paneis solares cunha achega de 33.000 euros para un proxecto que ten un custo global de máis de 44.000. Ademais, neste concello tamén está prevista unha subvención para a instalación dunha caldeira no centro social de Orro.

Segundo explicou Gonzalo Trenor, estas actuacións de enerxías renovables térmicas de instalacións de caldeiras para administracións locais, cofinanciadas con fondos Feder, supoñen un aforro anual de 0,3 millóns de euros na factura enerxética, un aforro anual de enerxía dun total de 7.500 MWh (o que equivale a uns 0,75 millóns de litros de gasóleo) e unha redución de emisións de 2.250 toneladas de CO2 ao ano.

Polo que respecta aos proxectos de enerxía fotovoltaica de instalación de paneis solares en concellos, cofinanciados tamén con fondos Feder, as actuacións executadas permiten aforros anuais enerxéticos de 3.600 MWh e económicos de 0,43 millóns de euros, ademais dunha redución de emisións de 1.300 toneladas de CO2 ó ano. En palabras do delegado territorial, “estas axudas dispoñen dunha intensidade do 80 % para as administracións cun máximo de 250.000 € por proxecto”.

Deste xeito, según subliñaron dende o Goberno autonómico, “mantense o compromiso cunha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar tanto o uso das enerxías renovables como unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares como das administracións, empresas e entidades”.

Neste senso, a Xunta vén de abrir a convocatoria das axudas para empresas do sector agrícola primario coas que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en 200 proxectos de enerxías renovables e eficiencia, cos que se crearán setenta empregos. Tamén está aberta a convocatoria de apoios dirixidos a promover o aforro e a eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e servizos que mobilizarán máis de 42 millóns de euros e permitirán aforros de sete millóns de euros anuais nas súas facturas.

Por último, o representante do Executivo galego tamén se referiu ás convocatorias de axudas de proxectos de enerxías renovables e fotovoltaica dirixidas tanto a particulares como a comunidades de veciños, cuxo prazo de solicitude se abrirá en marzo. Coas dúas liñas de achegas (renovables térmicas e autoconsumo) preténdese chegar a un total de 1.600 fogares galegos.

30 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.