Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Incertidume en Noia ante unha campaña do berberecho marcada pola covid-19

Feijoo visitou a vila e mostrou apoio aos mariscadores // Despois de tres anos cuns números de récord existe nerviosismo pola toxina, o tamaño do produto e a pandemia

Este luns arrancou en Noia unha nova campaña do berberecho que durante os próximos seis meses marcará a estabilidade de moitas persoas da vila e de fora dela. Máis de 1500 familias viven directamente do que durante as estacións de outono e inverno marisquean na ría, segundo datos do concello, sendo o principal motor dun pobo histórico e emblemático de máis de 14000 persoas, segundo o INE. O alcalde da vila, declarou ao Correo do Barbanza que “o marisqueo é a actividade económica que máis importancia ten na nosa localidade” facturando “máis de vinte millóns de euros” no último ano, no que foi unha tempada de gran éxito “en prezos, facturación e número de capturas” segundo sinalaba Santiago Cruz, patrón maior, ao remate do pasado exercicio, que tiña unhas expectativas “moi boas” para o 2020-2021 dentro do difícil que sempre é facer estimacións no mar.

Uns meses máis tarde, a situación é complexa. A campaña arranca cun feito ao que as mariscadoras e o patrón maior do lugar non son alleos, a covid-19. Un pesadelo que marca o 2020 alá por onde pasa e que obrigará a tomar medidas especiais para garantir a seguridade dos veciños e traballadores. O patrón maior, sen quitarlle ferro ao asunto, móstrase moderadamente optimista dentro da preocupación ante as opcións de sair ben parados, porque “estanse facendo moitas cousas para facer o marisqueo o máis seguro posible” a pesar do contratempo. Opinión compartida por un mariscador da vila, que di que a xente “está tranquila, claro que crea certa incertidume, pero no que a campaña se refire preocupan máis outras cousas”.

Este mariscador todavía novo no sector, afronta o seu cuarto ano no oficio, só coñeceu ata agora a parte boa xa que ven de tres anos históricos. Aclara que o gran temor para este ano é o tamaño do produto, que non hai presaxios de que sexa moi grande, o que pode dificultar logo o prezo da venda. Tamén o clima, as famosas mareas vermellas sempre son un quebradeiro de cabeza para os traballadores, obrigando a deter en multitude de ocasións as capturas de berberecho, por mor das toxinas. Estas toxinas reciben un mínimo de tres inspeccións semanais, para asegurar o correcto estado do produto e que todo esté apunto. Aínda que “existe unha gran demanda por parte das fábricas por ser un producto envasado”, polo que se mostra moderadamente optimista.

Para esta campaña tamén se puxo en marcha unha remodelación da lonxa do Xestal, na que a consellería do mar invertiu preto de 600.000 euros, para segundo dixo o concello de Noia “ redundar na mellora das condicións de illamento, impermeabilidade e climatización do inmoble”. Así mesmo, “mellorouse a cuberta do edificio, a accesibilidade das instalacións e a distribución dos espazos interiores, coa instalación de sumidoiros que facilitarán o desaugue no proceso de limpeza” aclaran. O obxectivo disto, di o alcalde, é “favorecer as condicións laborais dun colectivo tan importante para Noia e a nosa contorna”.

Un proxecto que culminará coa colocación dun graderío aberto ao público, para que “as persoas que o desexen poidan seguir o proceso de clasificación e procesado do berberecho.

FEIJOO ESTIVO PRESENTE O presidente da Xunta reeditou hoxe o compromiso do Goberno galego co sector marisqueiro, un sector estratéxico para Galicia, que, a pesar da pandemia, facturou un 10% máis con respecto á media acadada neste mesmo bimestre durante os últimos 10 anos. “Estamos, polo tanto, reactivando o sector”, dixo, recordando que o marisqueo en Galicia xera uns 8.000 empregos e factura case 90 millóns de euros.

Durante a súa visita, o lider advertiu que se puxeron en marcha “en Madrid e en Bruxelas para que a Unión Europea modificase o regulamento do Fondo Marítimo de Pesca”, engadiu, subliñando que todo isto fixo posible a posta en marcha do Plan Avantemar, deseñado para reactivar o complexo mar-industria tras a pandemia, a través de axudas por valor de máis de 5 millóns de euros.

15 sep 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.