Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Iniciativas lúdicas copan a xornada da Festa do Galego na vila lousamiá

Celebrarase o día 15 na praza do Concello e haberá obradoiros e música para a cativada

Lousame. Lousame recupera as actividades culturais en maio con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. O prato forte da programación será a décimo novena edición da Festa do Galego, unha iniciativa dirixida ao público infantil. Terá lugar o sábado 15 de maio na praza do Concello, onde se desenvolverán actividades lúdicas para nenos e nenas con obradoiros, música a cargo do pinchadiscos infantil Marífaltri e coa animación de Fantoches Baj con Os velocíclopes.

Segundo sinalaron fontes municipais, o obxectivo é que sexa unha xornada educativa na que a cativada afonde na cultura dun xeito divertido. Ademais, nese mesmo día tamén se difundirá a exposición Xela Arias, Aquela nena de Sarria. As entradas para a Festa do Galego serán únicas para todo o evento, non poderán dividirse por actividade, e xestionaranse a través da plataforma dixital BandoTicket. Os veciños e veciñas que o desexen xa poden adquirir a súa de forma gratuíta.

Outra das propostas previstas para este mes é a tradicional homenaxe á figura de Zernadas de Castro cunha ofrenda floral. Levarase a cabo o día 17 ás 12.00 horas no busto do cura de Fruime, se ben este ano polas medidas de seguridade sanitaria non será un acto público senón que se difundirá posteriormente a través das redes sociais.

En relación con Zernadas de Castro, o departamento de Cultura deseñou unha mostra virtual e física con diferentes paneis sobre este promotor do coñecemento na sociedade lousamiá. Inaugurarase na casa da cultura o 28 de maio, e estará dispoñible durante dous meses.

Pola súa banda, o Club de Xubilados de Lousame albergará unha exposición fotográfica na súa sede a partir do día 17 de maio. A mostra, que se abrirá ás doce do mediodía, está destinada a converterse en permanente.

A través destas iniciativas, o executivo local de Lousame pretende recuperar, con moita cautela e con estritas medidas de seguridade sanitaria, a actividade cultural no municipio. “A nosa intención é volver ofrecer cada vez máis ropostas culturais á veciñanza. Se ben, a seguridade é o primeiro para nós, polo que sempre daremos prioridade ás normas determinadas polas autoridades sanitarias”, explicou a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo. m. c.

08 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.