Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Jealsa e Barbantia Roda alíanse cunha carreira a beneficio dos trasplantados de medula ósea

Boiro. O Concello de Boiro colabora na celebración do I Running Solidario Jealsa-Barbantia Roda, que organiza a Sociedade Deportiva Barbantia Roda co patrocinio de Jealsa Rianxeira. A proba terá lugar en Boiro o día tres de outubro, e ten como obxectivo fomentar a vida saudable e tamén a solidariedade ao colaborar con entidades benéficas.

Na presentación participaron o alcalde, José Ramón Romero; o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo; o presidente de Barbantia Roda, Manuel Gómez Villanustre; o vicepresidente e coordinador de Santiago de Asotrame, Mario Álvarez Rodríguez; e o hematólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e investigador en xenómica do cancro Adrián Mosquera.

A proba consta dun percorrido de 10 quilómetros de carreira e dunha andaina. A saída da carreira será ás 11.00 horas, mentres que a da andaina será ás 10.00. A participación está tamén aberta de maneira online, de xeito que se pode participar dende calquera parte cun dorsal cero.

O evento ten carácter solidario e está previsto que cada edición os beneficios recadados coas inscricións sexan para un fin benéfico. Nesta primeira edición, os fondos que se recaden serán doados de maneira íntegra a Asotrame (a Asociación Galega de Trasplantados de Medula Ósea). As incricións poden facerse online a través da páxina web www.emesports.es/eventos ata o xoves 30. O prezo é de 8 € para a carreira e 5 € para a andaina.

“Este proxecto xurdiu como unha iniciativa promovida por Asotrame e o Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do CHUS, e o seu obxectivo é mobilizar á sociedade civil, tanto empresas como particulares, para conseguir fontes de financiamento e poder profundar na investigación”, explicou o coordinador e vicepresidente de Asotrame, Mario Álvarez.

“A colaboración social é un dos eixos do noso programa de Responsabilidade Social Corporativa We Sea, e promover este tipo de iniciativas resulta doblemente gratificante, xa que coa celebración desta carreira e da andaina non só promovemos a práctica de deporte, senón que invitamos a toda a sociedade a formar parte dun xesto solidario coa nosa saúde e coas persoas que hoxe en día están afectadas por cancro hematolóxico e tamén por aquelas que xa non están connosco”, sinalou Margarita Hermo. s. souto

16 sep 2021 / 17:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.