Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

a praza de San Lázaro

Tamén se renovará a rede de saneamento das rúas Outonil e Vista Alegre da vila noiesa

A Deputación da Coruña financiará, en colaboración co Concello de Noia, as obras de acondicionamento e mellora da praza de San Lázaro e da nova rede separativa de saneamento da rúa Outonil e Vista Alegre da localidade noiesa. Ambas actuacións atópanse en fase de licitación pública ata o 28 de setembro e suman un investimento total de 335.219 euros, dos que 320.000 serán achegados con fondos do Plan Único (POS+2019) do organismo provincial e outros 14.990 euros, con fondos propios da administración local.

Polo que respecta á primeira intervención, coa reurbanización da Praza de San Lázaro pretenden mellorar a estética e funcionalidade da mesma, que actualmente presenta diversas deficiencias. Para iso, sobre a zona de aparcamento e a rúa asfaltada prevén cambiar por completo o pavimento e ampliarase a área de xogos, instalando novos aparellos biosaudables e multiaventura no entorno da capela.

Asemade, o proxecto de reurbanización da praza tamén contempla obras de mantemento como substitución das luminarias, lixado e pintado das farolas, substitución da verxa e das madeiras dos bancos e acondicionamento dos xardíns.

En canto á renovación da rede de saneamento das rúas Outonil e Vista Alegre de Noia, instalarase un sistema separativo de augas pluviais e residuais. A infraestrutura actual ten máis de trinta anos de uso e presenta gretas nos colectores, fabricados en formigón e ubicados a pouca profundidade (apenas 40 centímetros) da superficie da estrada, o que provoca problemas no sistema.

Así, a nova rede de saneamento será de PVC, mentres que a de recollida de pluviais executarase en propileno. A actuación incluirá as acometidas a todas as vivendas e os pozos, que tamén serán renovados; executaranse en formigón prefabricado.

Finalmente, unha vez executados estes traballos, pavimentaranse as rúas con aglomerado de cinco centímetros de espesor e realizarase o recrecido dos pozos actuais para eliminar posibles baches.

17 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito