Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Política Social dedica catrocentos mil euros ó illamento térmico e a renovar portas, xanelas e cuberta // Non se obrou nela dende que se fixo a terceira planta en 1990 // Espaldarazo á calidade de vida dos usuarios e á labor dos profesionais TEXTO S. S.

Licitan a reforma máis ambiciosa do século na residencia da Pobra

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou este xoves durante unha visita á residencia de maiores da Pobra que nas vindeiras semanas comezará “a reforma máis ambiciosa da última década” no centro. A Xunta de Galicia destinará máis de 400.000 € ás obras de acondicionamento destas instalacións, que saíron xa a licitación para que poidan dar inicio o antes posible.

Ao respecto, asegurou que o obxectivo principal dos traballos que se acometerán neste centro residencial de titularidade autonómica é mellorar a calidade de vida das persoas maiores usuarias. Para iso, entre outros aspectos, procederase á colocación de placas na fachada para permitir un mellor illamento, reformarase a cuberta principal e substituiranse portas do interior.

O director da residencia, Antón Brey, dixo que se trata dunha actuación “moi necesaria” e que “é o momento de afrontala”, lembrando que as instalacións (unha edificación de tres plantas) inauguráronse en 1986. Dende entón, só se obrou para dotar ó inmoble dunha terceira planta en 1990. Tamén o alcalde, Lois Piñeiro, amosou o seu agradecemento polos traballos anunciados. “É unha mellora moi necesaria que elevará sustancialmente a confortabilidade dos usuarios”, dixo.

Fabiola García non dubidou en calificar de “histórica” a mellora que se vai levar a cabo, e como “a máis ambiciosa dos últimos trinta anos”. “Cambiaranse por completo todas as xanelas, así como a cuberta, toda a envolvente exterior, as portas interiores... En definitiva: vaise mellorar o funcionamento integral da residencia, facilitar o traballo dos profesionais e aumentar a calidade de vida dos residentes”, explicou.

Por outra banda, a conselleira puxo en valor “o esforzo e a xenerosidade dos maiores ante uns meses tan duros”, polo que unha vez que o noventa e cinco por cento dos usuarios de residencias xa están vacinados para salvagardar a súa seguridade e a súa saúde, o Goberno galego traballa nun conxunto de actuacións centradas en mellorar a comodidade nos centros nos que viven.

Neste sentido, xa se deron a coñecer outras obras de mellora en instalacións sociosanitarias, como o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, ao que se destinarán 400.000 euros, ou os dous millóns de euros para equipamento da residencia da localidade de Cerdedo-Cotobade.

Precisamente este xoves, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou novas flexibilizacións nas medidas de seguridade que hai nas residencias de maiores, unha vez que a pandemia do coronavirus vai dando tregua. En función da situación epidemiolóxica da zona, permitirase que os maiores poidan ir pasar uns días coas súas familias: como mínimo, cinco días, e practicando unha PCR ou proba de antíxenos ao volver ao centro. Esta medida darase só naquelas residencias que non se atopen no nivel máximo de restricións.

CINCO SAÍDAS POR SEMANA. Tamén dependendo do contexto sanitario, as residencias que se encontren no nivel medio e medio-baixo pasarán dun máximo de tres a un máximo de cinco saídas por semana, de ata catro horas cada unha.

Antes había un máximo de tres saídas de ata catro horas, polo tanto, aqueles concellos que se encontren no nivel alto e máximo continuarán coas tres saídas por semana.

por fin, os bicos e os abrazos. A última novidade é que despois de máis dun ano sen poder agarimarse, bicarse ou abrazarse, os maiores das residencias e os seus familiares poderán volver estar en contacto físico durante as visitas. Despois de cada un destes reencontros, a residencia deberá ser hixienizada a fondo no lugar da visita.

Fabiola García, que acudiu á residencia da Pobra acompañada pola xefa territorial da Consellería de Política Social, María Blanco, e polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, aproveitou a visita para saudar ós usuarios e usuarias de ditas instalacións. Tamén asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, e o portavoz do PP, Manuel Durán Guillán.

o protagonista
“Pensamos xa en melloras tecnolóxicas”
Antón Brey
Director da Residencia de Maiores da Pobra

A residencia da Pobra conta con 48 prazas, aínda que actualmente, por unha cuestión de ratio, ten 35 usuarios, que son atendidos por 21 traballadores. O seu director, Antón Brey, dixo que a reforma anunciada é “unha posta ó día imprescindible”, pois dende a apertura do centro non se renovou a carpintería nin se actuou na fachada. Tamén dixo que “persoal de Política Social visitou a residencia porque estamos vendo que tipo de melloras precisaremos de aquí a dez anos, que serán, sobre todo, no eido tecnolóxico”.

{ a letra pequena }
Fogares cálidos
Suso Souto

actuar na conservación, mellora e modernización das residencias non é un gasto, senón un investimento. E por partida doble. Estes centros son os fogares dos nosos pais, dos nosos avós... Dos nosos maiores. Dotar a un concello deste tipo de instalacións, como se fixo na Pobra hai 35 anos, require tamén un compromiso de futuro co seu mantemento. No caso da residencia pobrense, a Consellería de Política Social vai saldar una débeda histórica nese sentido. E vaino facer cunha actuación... histórica. Unha profunda reforma que vai contribuír a incrementar sustancialmente a calidade de vida dos seus trinta e cinco usuarios e usuarias e, de paso, dignificar tamén o traballo dos vinte e un profesionais que os atenden e os coidan.

07 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.