Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lousame activará un plan de emprego para mulleres

Será posible grazas a unha axuda da FEMP // Celebraron a décima reunión da mesa local fronte á violencia de xénero

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo Filgueira, presidiu este venres a décima reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame. Un encontro no que todas as persoas integrantes da Mesa tomaron a palabra para informar e compartir experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal lousamián.

Agrafojo Filgueira aproveitou para dar conta das actuacións realizadas polo seu departamento no último semestre e informar de que “a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) vén de concederlle ao Concello de Lousame unha das dez axudas a nivel nacional, para realizar un proxecto de emprego dirixido á mulleres co obxectivo de mellorar as súas posibilidades de inserción no mundo laboral. Un proxecto semellante ao Aurora, que acometemos con moito éxito hai uns anos”, lembrou a concelleira.

Entre as actividades levadas a cabo, Agrafojo destacou que dentro do servizo Lousame Concilia desenvolvéronse actividades de sensibilización en igualdade. “No período lectivo, no que o servizo se presta durante unha hora e cuarto polas mañás, as nenas e nenos conmemoraron datas significativas como o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero e o Día Internacional da Muller elaborando debuxos e un mural”, sinalou. Ao respecto, a edil lembrou que tamén houbo unha andaina con motivo do 8 de marzo baixo a lenda Camiño pola igualdade, na que participaron unha trintena de persoas a pesar de desenvolverse baixo a choiva.

Ademais, en colaboración cos centros Quérote + da Xunta de Galicia, leváronse a cabo no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro uns obradoiros para mozos e mozas de 14 a 16 anos: Re-conecta, sobre a xestión do mundo virtual, e Cultivando a autoestima, para o crecemento persoal.

Tamén no ámbito do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, este ano volveuse realizar o programa Lousame Coeduca, sobre coeducación e promoción da igualdade de oportunidade. Un programa subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade e que por primeira vez foi xestionado pola Asociación de Nais e Pais Alecrín, en colaboración co centro escolar.

Finalmente, a través da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, o Concello de Lousame organizou un obradoiro sobre violencia de xénero no contexto dixital, para o alumnado da ESO do Cernadas de Castro.

Na reunión participaron Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Cristina María Rial Budiño e Ana María Lema Rama, do posto da Garda Civil de Noia (equipo contra a violencia de xénero, VIOXÉN); Julia Veiro Justo, psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Noia; Ángela Mª Costa Santos, enfermeira do Centro de Saúde de Lousame; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da concellería de Igualdade.

Como anécdota curiosa da xornada, salientar que é a primeira vez en dez reunións nas que todas as participantes na Mesa eran mulleres.

14 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.