Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lousame blindará o seu patrimonio con 600.000 €

Piden 237.000 euros ó Fondo de cooperación // Tamén van mellorar a eficiencia enerxética

O pleno municipal de Lousame, reunido na noite do xoves en sesión extraordinaria, aprobou a proposta do grupo de goberno de solicitar 237.000 euros ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, convocado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Un empréstito sen xuros que permitirá acometer actuacións por un importe de 596.871 euros en materia de rehabilitación do patrimonio e mellora da eficiencia enerxética.

Así, o pleno aprobou, cos votos a favor dos grupos municipais de PP e PSOE e a abstención do BNG, cinco proxectos de obras: a mellora do lavadoiro de Lesende, que contempla un investimento de 49.545,12 euros e cun prazo de execución de tres meses (o Concello solicita o 100 % do importe da actuación); melloras no lavadoiro de Meixonfrío, por un importe de 20.710,69 euros (tamén o 100 % do total); melloras na contorna da igrexa de San Xoán de Lousame, por un importe de 66.334,11 euros (o 100% do importe da intervención); a pavimentación do núcleo de Camboño, por un importe de 210.174,25 euros (solicita un préstamo polo 30 % da actuación); e a redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do Concello de Lousame, un proxecto orzamentado en 250.107 euros e que inclúe actuacións en Aldeagrande, Marracín e Tállara (o 15 % da intervención, 37.516,05 euros).

Respecto a esta última actuación, o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Obras, Ramón Martínez Rial, –que presidiu a sesión ante a ausencia de Teresa Villaverde–, asegurou que “só con ese 15 % que solicitamos, imos aforrar moitos cartos na factura eléctrica mensual. O que non tería sentido sería agardar ao 2026 por non pedir un crédito, cando o aforro que imos conseguir xa no 2023 é superior ao préstamo solicitado. E a iso hai que sumar os aforros do 2024 e 2025. Iso é sabe xestionar”, sentenciou.

29 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.