Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Luz verde ás expropiacións para construír a glorieta no lugar de Xuño

Esta actuación conta cun investimento de 320.000 € e busca mellorar a seguridade

Porto do Son. O Consello da Xunta aprobou onte o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a construción dunha glorieta na estrada AC-550, na parroquia de Xuño, no concello de O Son, para mellorar a seguridade viaria na contorna. O orzamento estimado polo Goberno galego para esta actuación supera os 320.000 euros, no que se inclúe o pagamento das expropiacións dos sete predios precisos para levar a cabo os traballos.

Este proxecto trata de reforzar a seguridade viaria coa execución dunha rotonda no punto quilométrico 98+340, no lugar do Cruceiro, na intersección que conecta a estrada autonómica coa vía que leva á igrexa de Santa Mariña pola marxe esquerda; e coa vía que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

Segundo sinalaron dende a Xunta de Galicia, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre de 2021. Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses.

Cómpre lembrar que o proxecto da actuación contempla a construción dunha glorieta dun diámetro de 28 metros, que busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a interurbana e que, deste modo, moderen a súa velocidade. A intervención manterá os aparcadoiros na zona e, para favorecer a seguridade do tránsito peonil, implantarase un paso de peóns. m. t.

21 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito