Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muros abre o prazo para os campamentos e activa a programación de Nadal

Para este xoves fixaron o taller de coroas e guirnaldas que terá lugar no Mercado municipal ás 15.30 horas

Muros. O Concello de Muros abre este xoves o prazo de inscrición no campamento de conciliación de cara ao Nadal. As bases recollen que o programa de actividades desenvolverase os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e2, 3, 4 e 5 de xaneiro e que estará dirixido a rapaces nados entre 2010 e 2018. Os centros de operacións nestes campamentos serán os polideportivos de Muros e Esteiro e as sesións lúdicas terán lugar de 09.00 a 14.00 horas. O prazo de solicitude finaliza o día 16 deste mes, ás 14.00 horas, e o día 20 –se fose necesario– celebrarase o sorteo.

Terán prioridade os nenos empadroados no Concello de Muros. No caso de que non se completaran as prazas, estas poderán ser ocupadas por cativos non empadroados. Ademais, priorizarase aos rapaces daquelas unidades familiares nas que ambos proxenitores teñan vixente unha relación laboral en horario de mañá, asinando unha declaración responsable. “No caso de que aparezan solicitudes presentadas por diferentes solicitantes, pero na que parte ou todas as persoas participantes sexan as mesmas, serán anuladas automaticamente”, apuntan.

Para solicitar a inscrición nos campamentos de Nadal os interesados deberán cubrir o formulario específico de solicitude, só un por familia, cuxo enlace está dispoñible na páxina web municipal (muros.gal).

Aquelas persoas que desexen máis información deben dirixirse ao departamento de Servizos Sociais (chamando ó teléfono 981 762 465) ou á casa da cultura (981 762 294).

Por outra banda, o Concello de Muros preparou unha completa e variada programación para as festas do Nadal, na que os máis pequenos do municipio son os grandes protagonistas. As actividades comezaron este mércores co espectáculo infantil Xa vén o Nadal! que tivo lugar na axencia de lectura de Esteiro. Xa este xoves arrincan os obradoiros nos que adultos e nenos gozarán coa preparación de coroas e guirnaldas (no mercado ás 15.30 horas). Nos vindeiros días tamén haberá un de galletas e outro para confeccionar as bolsas para os caramelos.

Para o día 8 de decembro, ás 21.00 horas, fixaron o acendido da iluminación de Nadal; o día 10 Mofa e Befa representará Pirolíticos na casa da cultura de Muros a partir das 21.00 horas; o día 15, nesa mesma ubicación, haberá un concerto do grupo de música de cámara Untía, e o día 22 da ESMU. O programa tamén inclúe múltiples espectáculos, un mercadillo solidario, un torneo Fifa para maiores de 13 anos, talleres de maquillaxe e abalorios de Lixo Atelier, outro de estampación de camisetas e de beatbox a cargo de Vella Escola, así como a San Silvestre, o 31.

As iniciativas concluirán o vindeiro 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis. Máis información na páxina web municipal ou no Facebook do Concello de Muros. m. c.

30 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.