Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Música e artesanía complementarán a Ruada do Traxe Galego ribeirense

Ribeira. A Ruada do Traxe Galego Aires de Dorna que organiza a Asociación de Amas de Casa de Ribeira regresará por segunda vez este sábado no transcurso das festas patronais de Santa Uxía co ánimo de preservar e poñer en valor as nosas tradicións.

O evento foi presentado pola concelleira de Cultura, María Sampedro; a presidenta do colectivo, Puri Cores; e Juana Ermitas Crujeiras e Mari Pardavila, integrantes da mencionada entidade.

A ruada terá lugar a partir das seis e media da tarde con saída dende o auditorio, en tanto que unha hora despois haberá un desfile con pasarela na Praza do Concello para concluír cunha actuación das cantareiras de Amas de Casa.

O xornalista Xosé Luis Blanco Campaña, que xa presentara a primeira edición, será o responsable de conducir o acto. Ademais, a xeito de complemento contarase con diversos postos de artesanía.

Está prevista a participación de distintas asociacións da comarca e incluso de fóra do Barbanza. María Sampedro resaltou que despois do balance tan positivo que tivo o ano pasado a ruada está chamada a consolidarse dentro do calendario das festas patronais de Santa Uxía como unha iniciativa que pon en valor a esencia de Galicia.

A organización aproveitou para animar á xente a implicarse no evento vestíndose con traxes tradicionais, dos cales incluso Amas de Casa dispón dalgúns para prestar. En caso de choiva, estudarase unha alternativa para levar a cabo a iniciativa. s. souto

05 sep 2022 / 18:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.