Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Noia estudará bonificacións do IBI e o ICIO nas melloras para a eficiencia enerxética

O BNG noiés considéraas, ao igual que a eliminación de barreiras arquitectónicas, actuacións fundamentais

Noia. A Corporación municipal de Noia aprobou na sesión do pasado xoves someter a estudo da comisión de Economía e Facenda no mes de xaneiro a proposta realizada polo BNG para establecer bonificacións do IBI e do ICIO nas melloras de accesibilidade e da eficiencia enerxética das vivendas do municipio. Os grupos coincidiron “na necesidade de promocionar a eliminación de barreiras arquitectónicas e da eficiencia e o autoconsumo enerxético a través da fiscalidade municipal”, sinalaron os nacionalistas.

Porén, a proposta será analizada polos servizos municipais “para estudar a súa viabilidade xurídica e económica, posibilitando que os cambios concretos nas ordenanzas fiscais sexan ditaminados nunha comisión municipal de Economía e Facenda, que terá lugar no vindeiro mes de xaneiro”.

“Mellorar as características de eficiencia enerxética ou instalar equipos de xeración de enerxía renovable nunha vivenda non só axuda á economía das familias a medio prazo, senón que tamén supón avanzar cara ao modelo enerxético do futuro”, dixo Ricardo Suárez, candidato do BNG á alcaldía de Noia, quen afirmou que “non podemos gravar a accesibilidade e o benestar das persoas maiores, con mobilidade reducida ou con discapacidade: esas son taxas do pasado; a fiscalidade debe ser tamén un elemento de estímulo da mellora da calidade de vida”.

A proposta inicial do Bloque inclúe unha bonificación do 90 % da cota íntegra do ICIO nos inmobles nos que se executen actuacións de cara á mellora das condicións de acceso e habitabilidade das persoas con mobilidade reducida ou discapacidade. Así mesmo, aprobaríanse bonificacións de entre 50 e 90 % da cota íntegra do ICIO nos que se executen intervencións de cara á mellora da eficiencia enerxética, e do 90 % nos que se instalen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar. Ademais, gozarían dunha bonificación de entre 20 e 50 % da cota íntegra do IBI durante tres anos e cun máximo de 400 euros anuais aqueles inmobles nos que se instalen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar. ecg

28 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.