Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 01 julio 2022
02:09
h

O Son amosa os símbolos da súa beiramar nunha mostra no porto

Porto do Son. O Concello de Porto do Son convida á cidadanía á inauguración da exposición Paisaxes e símbolos da nosa beiramar que terá lugar o mércores 13 de abril, a partir das 19.00 horas, na estacada do bordo portuario da vila. Aproveitando o acondicionamento da fachada marítima, o obxectivo da iniciativa non é outro que compartir co público en xeral os elementos identificadores das paisaxes económica e humana deste espazo en tempos pasados.

A mostra, que harmoniza textos, fotografías, planos e mapas de distintos arquivos, moi especialmente da colección dixital do Museo Marea debido á xenerosidade dos sonenses, é multifocal. Trata do mundo do traballo, representado nas atadoras, nos carpinteiros de ribeira, nas fábricas de salgadura e na conserveira de Pérez Lafuente.

Os temas doutros paneis que compoñen a exposición son a devoción e o lecer, a orixe e a transformación das infraestruturas portuarias, con especial atención á vella dársena, A Comboa, cuxa silueta forma parte do escudo municipal desde hai máis dun século, ou as estruturas en madeira (as estacadas e os seus parentes pobres, as varas) nas que se secaron redes e peixes. m. c.

11 abr 2022 / 19:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.