Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outes rebaixará a luz co 2,5 %
da facturación eólica de Banzas

Así o acordaron mediante un convenio o goberno municipal e a firma promotora do parque

O goberno de Outes vén de anunciar o acordo ao que chegou co grupo Capital Energy, promotor do parque eólico Banzas, que tamén afecta aos concellos de Negreira e Mazaricos. Logo de varios meses de negociacións, o convenio firmado “implica que a empresa achegará o 2,5 % da facturación anual dos muíños situados no termo municipal a iniciativas de desenvolvemento económico e social na contorna dos parques”, sinalaron dende o executivo local.

Segundo o acordado, a cantidade achegada pola empresa para esta finalidade “nunca será inferior aos 40.000 € anuais, aínda que a previsión manexada polo Concello e a empresa en base aos prezos actuais da electricidade apuntan a que superará amplamente os 100.000 € anuais”.

A maiores, no momento de inicio das obras do parque eólico, a empresa achegará outros 80.000 € que o Concello prevé destinar a melloras nas infraestruturas da zona máis próxima ó parque. Estas cantidades son a maiores do que ingresará a administración municipal polo ICIO no momento da construción, aproximadamente uns 500.000 €, e polo IBI e IAE durante a actividade do parque.

O alcalde de Outes, Manuel González López, anunciou que o plan do goberno municipal será dedicar a cuantía anual a unha liña de subvencións para abaratar a factura da electricidade ás familias residentes nos lugares próximos ao parque. Segundo as previsións, a cantidade percibida por cada domicilio sería como mínimo de 600 euros anuais. “Deste xeito, compénsase canto menos parcialmente, os danos ocasionados aos veciños pola proximidade aos muíños que agora teñen unha altura moi elevada”. Ademais, asegurou, trátase de solventar “unha situación inxusta”, posto que hai veciños non residentes nas proximidades do parque pero que contan con propiedades afectadas e, por tanto, recibirán un alugueiro, mentres que outros residentes sen propiedades afectadas non teñen compensación.

Pola súa banda, o representante da empresa, Xabier Monteagudo, indicou que este acordo marca a liña a seguir da firma en relación aos proxectos noutros concellos.

28 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.