Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 27 febrero 2021
08:13
h

Outes vai coordinar un plan europeo ligado á sustentabilidade da ría

Deseñado no marco do proxecto Climántica, implicará ao IES Poeta Añón e ao Virxe do Mar

Outes. O Concello de Outes comunicou onte que vai liderar un proxecto europeo baixo o titulado Ciencia escolar, e-learning one health do programa Erasmus+. A iniciativa conta cun financiamento total de 251.000 € e inclúe a participación da administración local como entidade coordinadora do mesmo; tamén das Universidades de Santiago de Compostela, Ulasi (Rumanía), Aveiro (Portugal), os institutos Poeta Añón de Outes e Virxe do Mar de Noia, escolas públicas de Aveiro; o Liceo XXVI (Polonia) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Segundo sinalaron fontes municipais, o plan presentado ao programa Erasmus+ contou coa mellor valoración acadando o primeiro lugar de todas as solicitudes presentadas no Estado e “coloca o proxecto Climántica nun liderado científico e académico de especial relevancia para procurar respostas educativas e sociais á crise ocasionada pola COVID”.

O proxecto parte da materia Climántica que se dá nos institutos Poeta Añón e Virxe do Mar e estará centrado no banco de marisqueo que comparten as localidades de Outes e Noia. “O programa empregará as ferramentas dixitais e impulsará a aprendizaxe dixital, o que permite salvar as barreiras, fendas e limitacións derivadas da crise COVID ou da distancia”, apuntaron as mesmas fontes.

O alcalde, Manuel González, congratúlase de que Outes poida coordinar este proxecto pois “supón conseguir financiamento europeo para levar a cabo propostas relacionadas coa ría e co coidado do medio natural como medio de vida”, e informou que o plan “dá continuidade ao traballo que se está facendo desde o Concello para coidar e poñer en valor o sector marisqueiro do que dependen moitos postos de traballo”.

Asemade, o rexedor aclarou que “non é o primeiro nin será o último programa europeo de investigación no que o Concello outense teña participación”. Ao respecto, avanzou que a administración local “está coparticipando noutro proxecto baixo o título A economía verde e sistemas de pago ambiental dentro do programa COSME no que participan cinco países (España, Portugal, Italia, Polonia e Rumanía) e no que haberá un intercambio de boas prácticas para a mellora dos ecosistemas”, concluíu. m. c.

23 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.