Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Plan para blindar o futuro da cultura marítima de Galicia

Rosa Quintana asinou en Outes un convenio coa Universidade da Coruña para a súa elaboración

Deseñar un programa de accións para protexer o patrimonio e a cultura marítima de Galicia e blindar o seu futuro. Con esa finalidade, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou este luns un convenio de colaboración co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, e o presidente do padroado da Fundación Universidade da Coruña (FUAC), José María Barja, para a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030.

Segundo indicaron dende o Executivo autonómico, este acordo permitirá redactar un documento base no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023 así como os pasos a seguir nos seguintes anos para preservar os bens da comunidade.

A titular de Mar salientou que “esta medida se enmarca na aposta da Xunta por poñer en valor e recuperar o patrimonio marítimo de Galicia, polo que o traballo abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo”.

A colaboración -que estará vixente ata o 31 de decembro de 2023 con opción de prórroga- tradúcese nunha investigación dirixida polo profesor e experto na materia Óscar Fuertes para definir as liñas de traballo principais establecendo compromisos, liñas estratéxicas e accións para os vindeiros exercicios. Ademais, paralelamente, crearanse grupos de traballo con profesionais vencellados co sector do mar, coas principais asociacións da cultura marítima e outros axentes relacionados con este ámbito.

Este proxecto, que conta con preto de 200.000 euros de financiamento da Consellería do Mar para sufragar o seu custo, “realizarase en seis fases co obxectivo de ter un plan da cultura marítima de Galicia vivo, que poida irse adaptando ás circunstancias e aos cambios que se produzan”, apuntaron dende a Xunta. Trátase de analizar o patrimonio cultural da comunidade, mellorar o coñecemento sobre el e avanzar na súa conservación.

Rosa Quintana salientou que o plan se baseará “na defensa dos valores culturais e marítimos da comunidade e constituirá unha parte fundamental da identidade do pobo galego, reforzando a súa protección e deixando un importante legado para as xeracións vindeiras”.

A sinatura do convenio fíxose nun acto simbólico a bordo do balandro Joaquín Vieta, o veleiro máis antigo de Galicia, construído entre 1915 e 1916 nunha carpintería de ribeira do Freixo (Outes). A conselleira do Mar enxalzouno como “unha digna representación da cultura marítima de Galicia e historia e patrimonio da comunidade” e incidiu en que “é a mostra de que a cultura marítima de Galicia segue viva e conta con importantes museos flotantes que é preciso protexer”.

06 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.