Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Portos lembra que xa investiu 50 millóns en Ribeira dende 2009 e achaca as deficiencias ó vandalismo

RIBEIRA. A reportaxe publicada a semana pasada por este xornal sobre as deficiencias do porto de Ribeira tivo resposta por parte da Consellería do Mar, que lembra que xa leva investidos dende 2009 ao redor de 50 millóns de euros nese concello, “un dos que concentra maior investimento en Galicia”.

Nese sentido, explica que dende 2019 Portos de Galicia investiu preto de 2,5 millóns de euros en melloras nas infraestruturas portuarias e na súa conservación e que “a Xunta de Galicia está a traballar intensamente na avaliación das deficiencias existentes no porto da localidade, moitas delas consecuencia de actos vandálicos ou dun mal uso por parte dalgúns cidadáns”.

Ante esta situación, o organismo autonómico apela “á responsabilidade de todos os usuarios no coidado e respecto ás instalacións para garantir a conservación dunhas infraestruturas nas que se realiza un importante investimento público”.

Asimesmo, sinala que “estamos a traballar na busca de corrixir coa maior celeridade posible as deficiencias existentes (como as fochas) e avaliando as responsabilidades para a súa reparación”. En concreto, con respecto ós problemas denunciados na reportaxe de EL CORREO GALLEGO (entre os que se citaban afundimentos do firme na zona de carga de camións da lonxa, cuxas portas, por certo, están moi danadas polo óxido; o inexistente control de accesos, con barreiras destartaladas que nunca chegaron a funcionar; bloques de formigón a carón dunha rotonda; deficiencias na seguridade, a limpeza e a iluminación; rotura de peches, etc.), Portos explica que “o peche perimetral da lonxa foi destrozado por un accidente dun terceiro, igual que as barreiras de control de accesos” e que “as barreiras de formigón instaláronse de xeito provisional precisamente para evitar un mal uso das infraestruturas, en concreto, que os coches se subiran á rotonda”. S. SOUTO

14 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.