Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reclaman melloras na seguridade vial en Orro e en Boa

Insiste o BNG na necesidade de pasos de peóns na AC-550 ao seu paso pola localidade de Noia

O BNG vén de rexistrar unha proposta non de lei (PNL) e novas interpelacións ao goberno da Xunta en referencia á necesidade de instalar pasos de peóns e mellorar a seguridade viaria na estrada AC-550 ao seu paso polo concello de Noia.

Segundo apuntaron dende o citado partido, os nacionalistas teñen decidido realizar esta nova iniciativa “logo de obter unha resposta pouco concreta por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade”, despois de que na citada contestación, “logo de tres meses, enumera unha serie de condicións para a habilitación de pasos de peóns sen explicar, de todos os propostos, cal ou cales son os que non cumprirían os requisitos técnicos exixidos”.

Coa intención de comprobar o cumprimento das condicións, persoal da formación visitou de novo a zona, consultando a normativa vixente e realizando medicións sobre plano en dous lugares concretos onde poderían ser habilitados. “O primeiro sitúase nas inmediacións dunha marquesiña próxima á vivenda número 47 da estrada de Orro, en Noia. O segundo diante do establecemento Hostal Singapore, da parroquia noiesa de Boa”, indicaron dende o BNG.

Segundo sinalaron, nos dous casos son percorridos amplamente iluminados, nos que a velocidade máxima permitida para o tránsito de vehículos é de 50 km/h, onde o aparcamento está restrinxido en ambas direccións, con beirarrúas nas dúas marxes da estrada e cunha recta de 240 e 260 metros respectivamente, “na que se cumprirían sobradamente os requisitos para a visibilidade de parada”.

Por estas razóns, dende o grupo parlamentario nacionalista piden que se leve a cabo un estudo pormenorizado e a redacción dun informe concreto sobre estes puntos “no que se detallen as intervencións necesarias para que se poidan habilitar pasos de peóns seguros , que se leven a cabo as actuacións necesarias para que poidan ser habilitados coas máximas garantías e que se proceda a súa colocación” en Orro e en Boa.

03 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.