Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Recupera o seu esplendor o edificio do emblemático Cine París da vila muradá

Avanzan a bo ritmo as obras de rehabilitación, financiadas pola Deputación, para darlle unha nova vida como centro sociocultural

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou onte a localidade muradá para supervisar as diferentes obras que alí ten en marcha a Deputación con cargo aos fondos do Plan Único. Fíxoo acompañado pola alcaldesa, Inés Monteagudo, membros da Corporación e os deputados Blas García e Sandra González.

Unha das actuacións máis importantes que se están a levar a cabo é a rehabilitación do antigo Cine París, que permitirán darlle unha nova vida como centro sociocultural a este edificio emblemático que se atopa no centro do municipio. Os traballos, que xa están moi avanzados, supoñen un investimento de 266.000 euros e inclúen a renovación da cuberta e o acondicionamento da fachada.

Asemade, o presidente provincial tamén aproveitou para visitar outras obras no casco antigo da vila como pode ser a mellora integral que se está a acometer na zona de Chalón, onde se instalan novos pavimentos e tamén se aproveita para recuperar os tradicionais lavadoiros.

González Formoso lembrou que “o Plan Único aumenta este ano considerablemente para todos os concellos, e tamén para Muros, que conta cunha asignación de 600.000 euros dos que 140.000 irán destinados para facer fronte aos gastos sociais orixinados pola pandemia”.

Polo que respecta ó emprego, a Deputación da Coruña vén de recibir un total de 146 solicitudes de autónomos e microempresas da localidade muradá para participar nas axudas do PEL Reactiva. “ O elevado número de peticións, deixa clara a importancia dun plan que reparte 12 millóns de euros para unha provincia”, dixo Valentín González, quen sinalou que a Deputación lanzará un novo PEL Concellos dotado de 3 millóns de euros de orzamento e que, no caso de Muros, permitirá contratar a outros seis traballadores a maiores dos seis cos que xa conta.

Por último, o presidente da institución provincial mantivo un encontro co patrón maior, Daniel Formoso Moledo, e con outros representantes do sector pesqueiro do municipio. González interesouse pola situación actual e as diferentes problemáticas que se lle presentan a un sector estratéxico na economía local e anunciou que recibirán 17.000 euros dentro da liña provincial de subvencións a confrarías, dotada de medio millón de euros.

01 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito