Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Renova material e mellora as prestacións o complexo da Serra do Barbanza

Repartiu preto de mil novos contedores entre os nove concellos que forman a mancomunidade // A Xunta investiu 83.000 €

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo presidente da Mancomunidade do Barbanza, Luis Oujo, comprobou a actuación levada a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental nesta entidade.

A través desta liña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Xunta investiu no proxecto presentado pola mancomunidade para a adquisición de contedores para a recollida de residuos para o complexo medioambiental, máis de 83.000 euros.

Segundo subliñaron dende a Xunta, o plan consistiu na adquisición de 920 contedores de lixo de 800 litros, de 360 litros, de vidro, de papel e de recollida de pilas que se repartiron entre os distintos municipios que forman parte de mancomunidade (Ames, Muros, Brión, Carnota, Lousame, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois).

No marco deste fondo, que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, o Executivo autonómico financia actuacións nos concellos dirixidas ao aumento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

Durante a súa visita a Lousame, Gonzalo Trenor anunciou que a través da orde do Fondo de Compensación Ambiental repartíronse máis de 658.000 € en trece proxectos nos municipios de Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Ribeira, Rianxo e a concellos que forman parte da mancomunidade Serra do Barbanza, .

O delegado territorial destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.

En canto á finalidade das mesmas, indicou que estas achegas “van destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial, polo que son de gran utilidade para os concellos”.

Pola súa parte, Luis Oujo subliñou que “para os Concellos de pleno dereito da mancomunidade é unha axuda moi importante coa que se mercaron unha cantidade considerable de contedores, que nos permitiu renovalos; moitos deles estaban en mal estado”. “Grazas ao Fondo de Compensación Ambiental fomos capaces de compralos e ter cuberto o servizo do mellor xeito posible”, resaltou ao respecto o munícipe.

Indicar, por último, que aproveitaron a visita que Trenor fixo para comprobar a inversión realizada para mostrarlle o funcionamento da planta. No encontro tamén participaron a tenente de alcalde de Porto do Son, María Maneiro Quintáns, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manel Deán.

15 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.