Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rianxo acolle o sábado un obradoiro sobre márketing e violencia de xénero, centrado nos lemas do 25-N

rianxo. O vindeiro 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha das violacións de dereitos máis estendidas e con consecuencias devastadoras. Entre as claves para erradicala están a educación e a prevención, para o cal son indispensables o compromiso, a concienciación e a participación de toda a sociedade, tanto homes como mulleres.

Por iso, cada ano son máis as institucións, organismos e entidades que se suman, con diferentes campañas, á visibilización deste problema nacido da desigualdade. Pero, como persoas destinatarias destas mensaxes, detémonos a pensar no enfoque do que transmiten? Por que algunhas nos semellan máis acertadas que outras? Como fariamos a nosa propia campaña para o día 25-N?

Na busca de respostas a estas preguntas, o Concello de Rianxo organizou para o sábado día 5 ás 11.00 horas no auditorio o obradoiro titulado Márketing e violencia de xénero, destinado a maiores de 15 anos. Será impartido pola escritora María Lado, que conta cunha longa traxectoria como poeta, narradora e autora de xéneros variados, dende o teatro ata o guión.

Este obradoiro pretende ser un lugar de análise, reflexión e posta en común de ideas para atopar os nosos propios lemas. Aínda que o obxectivo final non é ese, senón visibilizar, coñecer e recoñecer aqueles comportamentos ou estruturas que permiten e alimentan a violencia e a desigualdade.

Terá unha duración de 90 minutos e estará dividido en tres partes: unha informativa, outra de análise e debate e unha terceira de creación dos lemas. Nel contarán con datos que os acheguen á situación das mulleres fronte á violencia de xénero, e analizarán cartaces, campañas e estratexias publicitarias.

Finalmente, traballarán na redacción dos seus propios lemas, partindo das ideas xurdidas. s. souto

31 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.