Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rianxo moderniza o tendido eléctrico para alumear máis, contaminar menos e aforrar

Iniciou a renovación de dúas mil luminarias e sesenta cadros de mando // A telexestión permitirá graduar a intensidade da luz

O Concello de Rianxo está realizando estes días os traballos de substitución de luminarias previstos no proxecto de renovación e adaptación do alumeado público, para dotalo de eficiencia enerxética. Trátase dunha iniciativa que prevé a renovación progresiva do tendido por lámpadas Led e a instalación de novos cadros de mando.

Esta fase do proxecto, que está financiado nun oitenta por cento polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica, e nun vinte por cento polo propio Concello, contempla a substitución dun sesenta por cento (2.033) das luminarias totais do municipio e do sesenta e cinco por cento dos cadros de mando (63 dos 90 dispostos na rede) para dotalos de, entre outras melloras, elementos de telexestión, o que redundará na eficiencia.

As luces contan cunha garantía mínima de cinco anos asumidas pola empresa subministradora que se encargará da súa substitución en caso de fallo técnico.

Os traballos deron comezo no rural de Rianxo, mellorando substancialmente as instalacións e iluminación en boa parte dos núcleos. Estase traballando xa nunha nova solicitude de axuda ao IDAE para acometer o troco restante de luminarias e abranguer todo o concello. No centro da vila e no polígono empresarial (neste caso na súa totalidade) xa se acometeran algunhas actuacións puntuais, que nun futuro se completarán nunha segunda e definitiva fase.

O nivel de satisfacción da veciñanza semella alto nos lugares onde xa se produciu o cambio, que nestes momentos vai polo 50 % do previsto, cuns estándares de iluminación para as diferentes vías moi elevados e nas que as ferramentas tecnolóxicas permiten mesmo graduar a luz existente para rebaixarse en tramos horarios e adaptarse ás condicións de tránsito.

A empresa gañadora do concurso foi Imesapi, por un importe final de 757.649 euros, fronte a outras dezaseis propostas baremadas. Contempla tamén diferentes melloras, como dez mil metros de cable, elementos de seguridade, seiscentos brazos de aceiro, dez farolas para pasos de cebra e a telexestión. Esta empresa foi tamén a encargada de levar a cabo tarefas similares na Pobra, Castelló, Almendralexo ou Yaiza.

MENOS CONTAMINACIÓN. O importe total do proxecto adxudicado ascende a 757.649 euros. En canto á potencia instalada, baixará de 233.390 quilovatios anuais a 110.630, e o consumo un 67,4 %, segundo indicaron fontes da administración local.

En termos económicos, prevese un aforro do 59,83 % da factura actual. No que se refire á baixada de carbono pasaríase de 525 toneladas de emisión a 210 toneladas anuais e tamén hai que ter en conta a importante redución da contaminación lumínica.

EMISIÓNS DE CARBONO. “Esta medida é unha das contempladas no recentemente aprobado Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que prevé a redución gradual de emisións de CO2 nos sectores chave do cincuenta por cento en edificios municipais, o sesenta por cento na iluminación pública e o corenta por cento nos edificios privados/terciarios e do transporte”, sinala ao respecto desta actuación o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños.

comarcas@elcorreogallego.es

31 mar 2021 / 14:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.