Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ribeira alixeira as cargas fiscais con bonificacións en tributos e rebaixa taxas

Reducirá nun 9,23 por cento o recibo de depuración para o ano 2022 // Tamén levan a pleno a exención do cobro das terrazas

Un ano máis, para contrarrestrar a ola de carácter económico e prestar apoio dende a administración aos contribuíntes, o Concello de Ribeira levará ao pleno de outubro a modificación de ordenanzas fiscais. Un punto no que, proseguindo a tónica dos últimos exercicios, a inmensa maioría de tributos serán conxelados ou reducidos.

A primeira tenente de alcalde ribeirense, María Sampedro, foi a encargada de desgranar este luns as grandes liñas no que se refire aos impostos e taxas afectados. Así, o Imposto de Bens Inmobles (IBI) continúa no mínimo legal (o 0,4 %) mentres que o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica diminúe un 2 %. Ao fío deste último tributo, a concelleira explicou que “dende que se comezou a reducir este imposto no 2015 xa se rebaixou en máis dun 10 por cento” e que con esta nova diminución “Ribeira sitúase entre os municipios de Arousa norte que máis baixos o teñen”, apuntou Sampedro.

Polo que respecta ás taxas, tamén se referiu á significativa baixada que se vai aplicar á depuración despois de que o Concello puidese adxudicar este servizo tras superar diversos atrancos: será un 9,3 % menos o que a veciñanza notará nos seus recibos.

Asemade, segundo sinalou a edil, as persoas perceptoras da Risga desfrutarán, tanto neste tributo por depuración como nos de saneamento e auga, dunha bonificación do 55 % en lugar do 50 % actual.

En canto ao conservatorio, as bonificacións por segundo fillo ou outro membro dunha unidade familiar pasarán do 25 por cento ao 50; mentres que as aplicables a partir do terceiro membro pasarán do 50 ao 75 por cento.

Ademais, María Sampedro avanzou que por terceiro ano consecutivo non se cobrarán as terrazas aos establecementos de hostalería no ánimo de axudar a un dos principais sectores afectados polos efectos económicos da pandemia.

Outras modificacións fiscais están dirixidas a clarificar ou axilizar certos trámites relacionados coa ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ordenanza municipal nas comunicacións previas ou a taxa pola realización de actividades urbanísticas.

Por último, tamén se modifica o artigo 9 da ordenanza do ICIO coa fin de clarificar e concretar a documentación a achegar polos interesados como custe real e efectivo das construcións, instalacións ou obras realizadas.

monumento. Por outra banda, María Sampedro anunciou que este sábado se inaugurará un monumento que se erixirá na céntrica praza de España de Santa Uxía de Ribeira en recordo das vítimas da pandemia. Unha iniciativa xurdida dende a Asociación de Amas de Casa para cuxa execución conta coa colaboración do Concello.

A creación inaugurarase nun acto solemne que principiará ás 18.30 horas. Comezará co himno galego e continuará co descubrimento da placa conmemorativa, unha ofrenda floral, as intervencións por parte das autoridades e un minuto de silencio para concluír cos acordes de Hallelujah de Leonard Cohen.

Segundo indicaron tanto a presidenta de Amas de Casa, Puri Cores, como a tenente de alcalde, esta iniciativa quere servir para homenaxear ás vítimas pero tamén para agradecer o labor que na loita contra a pandemia realizaron solidariamente múltiples persoas e colectivos.

19 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.