Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
EMPREGO. Cada fichaxe, que deberá ser a tempo completo e por un mínimo de tres meses, subvencionarase dende o Concello con 1.500 euros // Cando remate o obradoiro en curso impartirase formación a profesionais do sector TEXTO Suso Souto

Ribeira apoia a contratación dos alumnos da Escola de Hostalería

Segundo acordo da última xunta de goberno local, o Concello de Ribeira vai financiar a contratación de ata quince alumnos ou alumnas do obradoiro de emprego de cociña O Pote, que está tendo lugar dende o pasado mes de outubro na Escola Municipal de Hostalería sita no segundo andar do mercado de abastos.

Así, segundo recollen as bases da convocatoria, o propósito é propiciar a contratación a tempo completo por un período mínimo de tres meses de ata quince alumnos da devandita escola, cunha subvención fixa de 1.500 euros por traballador ata sumar unha partida dotada con 22.500 euros.

A contratación deberá comezar nos quince días seguintes á finalización deste obradoiro de carácter anual, sendo tal data de finalización o próximo día 14 de novembro.

Poden ser beneficiarias destes incentivos as persoas empregadoras ou empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten (incluíndo persoas autónomas, sociedades civís e comunidades de bens aínda que carezan de personalidade xurídica), cuxa actividade estea directamente relacionada coa especialidade de cociña e que contraten traballadores por conta allea para prestar este tipo de servizos nos seus centros de traballo, segundo informa a administración local.

Esta mesma semana está previsto que saia esta convocatoria publicada no Boletín Oficial da Provincia, data a partir da cal os interesados disporán de quince días hábiles (contados a partir do día seguinte) para formular as solicitudes de axudas no rexistro xeral do Concello.

Para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas poden enviar un correo electrónico ao enderezo emprego@ribeira.gal.

As instalacións de dito centro formativo, nas que o Concello ribeirense investiu máis de 250.000 euros, contan con oito mesas de traballo dobles, cun total de 16 fogóns, así como un meseiro e os aparatos de cociña necesarios. Ocupa unha superficie de 137 metros cadrados e, a maiores, dispón de, entre outros espazos, un aula, dous almacéns e un despacho para a dirección do obradoiro.

PLAN MIXTO. Os alumnos e alumnas do obradoiro están recibindo unha formación de alta capacitación, de nivel dous, en base a un programa mixto (formación e emprego) durante un período de 9 meses e, ó final, recibirán un certificado de profesionalidade de validez estatal.

O mencionado programa non só aborda aspectos relacionados coa cociña, senón que ofrece tamén unha capacitación transversal en cuestións como, por exemplo, a igualdade de xénero. A intención do executivo local é que, unha vez remate o obradoiro, se poidan seguir impulsando nese espazo novas actividades que redunden na formación e perfeccionamento do sector hostaleiro do municipio ribeirense. Neste sentido, cando remate a formación que se está levando a cabo actualmente vanse impartir tamén clases a profesionais do sector hostaleiro.

ALMORZOS SOLIDARIOS. Por outra banda, usuarios e usuarias da Unidade de Asistencia a Drogodependencias de Ribeira tiveron ocasión de degustar os almorzos solidarios preparados polo alumnado do citado obradoiro de emprego. As receitas, elaboradas seguindo as indicacións do profesor Patxi Mobilla, incluíron diversos pratos con materias primas naturais, tales como froitas, xamón, queixo ou zumes.

areadecompostela@elcorreogallego.es

06 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.