Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ribeira busca actualizar orzamentos para cumprir co persoal e a enerxía

Destina a investimento 10 dos 32,9 millóns de euros, en termos homoxéneos o segundo máis alto na historia do municipio // Vaise someter ao pleno o día 21

O orzamento municipal do 2022 de Ribeira será obxecto de debate nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro luns. Para explicar as razóns que levan ao executivo a someter a súa aprobación a estas alturas, este xoves compareceu no consistorio o alcalde Manuel Ruiz, quen sinalou que nun escenario de inestabilidade como o que se está a vivir na actualide, “optar por un orzamento prorrogado é a peor decisión que se pode tomar por parte dunha administración municipal”.

Así, dixo, non aprobar os presupostos implica para Ribeira non poder utilizar 970.000 euros procedentes dos fondos do Estado, cantidade que permitirá satisfacer dúas obrigas xurdidas no 2022 como son o encarecemento dos custos enerxéticos e a subida un 1,5 % no salario dos traballadores municipais en cumprimento da decisión consensuada polo Goberno do Estado cos sindicatos no mes pasado.

A maiores, Manuel Ruiz argumentou que o que se pretende con esta actualización orzamentaria é adecuar os ingresos aos gastos producidos, sen que se incorpore practicamente nada novo salvo os créditos correspondentes a subvencións procedentes do Estado e doutras administracións. “A partir de aí, o que varía en comparación con contar cun orzamento prorrogado consistirá en aumentar 105.000 euros o destinado ao servizo de atención no fogar a persoas dependentes, outra subida de 20.000 € para axudas nos comedores, amén de dous compromisos plenarios aprobados pola Corporación actual e, por último, dunha axuda para a compra dunha traiñeira por parte do Club de Remo de Ribeira”, indicou.

O alcalde incidiu na importancia de poder sacar adiante os orzamentos para cumprir os compromisos do Concello cos empregados municipais e coas empresas enerxéticas, pois de non facelo se deixarían débedas para o próximo ano. “O que estamos a facer é un acto de responsabilidade e de claridade con todos os grupos políticos e, sobre todo, coa Corporación que saia no 2023”, resaltou o rexedor.

Ruiz Rivas informou de que este será en termos homoxéneos o segundo orzamento máis alto na historia de Ribeira, cunha subida do 24 % con respecto ao do exercicio anterior ata alcanzar a cifra de 32.952.884 euros, na que o capítulo de investimentos reais se eleva ata os 10.039.852 euros.

O gasto de persoal representa un 26,19 %; os gastos correntes, un 38,39 %; e os investimentos reais, o 30,47 %. O Concello dedica o 2,6 % para pagar a súa débeda e, no apartado dos ingresos, as transferencias correntes procedentes doutras administracións ronda os 10 M€ (un 30 %) e as de capital, 7,9 M€ (un 24 %). Taxas e impostos directos achéganse ao 40 por cento.

18 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.